Unha exposición sobre unha parte importante da figura de Rosalía de Castro, as herbas e as plantas na obra e na vida da poetisa.
Ámbito Cultural El Corte Inglés, acolle a exposición “O herbario de Rosalía” da Fundación Rosalía de Castro. Un percorrido pola obra de Rosalía que nos mostra as flores e as plantas que aparecen na extensa obra dunha das figuras máis recoñecidas da cultura galega.

A exposición xurdiu dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polas profesoras María López Sández e María Isabel Fraga Vila, en 2019, con fotografías de Miguel Fraga.
O herbario de Rosalía non é un herbario científico, é un herbario literario. Unha homenaxe á obra de Rosalía e á unión da literatura coa natureza, que pretende ser unha aproximación ao herbario que Rosalía puido facer nos paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra.
A exposición amosa 40 imaxes do Herbario divididas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompáñao un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos.
En 2019 as profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández doaron á Fundación Rosalía de Castro e á súa Casa-Museo o Herbario de Rosalía a partir da obra da autora, que consta de 150 pregos, con cadansúa planta no interior. “Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, afirmaron.
O cantar II de Cantares gallegos comeza dicindo “Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín”. Flores e plantas ocupan un lugar sobranceiro na obra de Rosalía, consagrada á dignificación da paisaxe galega e das súas xentes. Durante o ano 2019, Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández materializaron un herbario físico conectado coa obra de Rosalía de Castro dentro dun proxecto da Universidade de Santiago. Para isto foi preciso un baleirado completo da súa obra, poética e en prosa, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas.
Despois, seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos rosaliáns, aqueles que ela transitou e que describiu nas súas obras, seleccionaron o material: unha importante serie de rosas, acorde coas máis de 70 mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbiñas do camposanto ou herbas do campo florido, coherentes coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo Romanticismo, desde Wordsworth á propia Rosalía.
Sen o coñecemento botánico de Mª Isabel Fraga Vila, profesora de botánica e directora durante varios anos do Museo de Historia Natural da USC, esta empresa non tería sido posible; mais non se trata dun herbario científico, senón dun herbario literario, un achegamento ás plantas e flores queridas á Rosalía, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito a autora durante os paseos na natureza dos que tanto gustaba e que inspiraron os seus versos. Se os narcisos de Wordsworth se convertiron nun símbolo universalmente coñecido da paisaxe inglesa, as rosas, as herbiñas do camposanto, as herbiñas do campo florido coas que Rosalía pintou as terras galegas tamén merecen perdurar.
Componse de 5 series: rosas, herbas do campo florido, herbiñas del camposanto, árbores e “outras flores, plantas e especies comestibles”, e cada sección consta de 8 imaxes. Complétase cun vídeo cun recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección de tódalas as imaxes da exposición. Para este proxecto realizouse un traballo fotográfico de gran calidade, obra de Miguel Fraga Vila.
A mostra estará aberta ao público ata ó 31 de maio na Sala Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago de Compostela, en horario comercial, de luns a sábado, de 10 a 22 horas.