“Camiño” son once pinturas que naceron durant o confinamento e que reflicten os sentimentos da autora en eses momentos e o tránsito por un tratamento por un cancro.

A Hospedaría de San Martín Pinario en Santiago de Compostela acollerá durante os dous próximos meses a exposición “Camiño”, unha selección de obras que representan o percorrido vital e creativo da artista Lola Doporto.
“Camiño” foi presentada na Hospedaría de San Martín Pinario pola súa autora e por Tareixa Taboada, comisaria da exposición. A autora explica que é unha exposición moi especial xa que “comecei en Madrid con Morriña de Estrelas e agora chego con Camiño, porque o camiño acaba aquí en Santiago, que era a meta pola miña admiración pola obra do Mestre Mateo”
Unha exposición que recolle catorce pinturas creadas durante o confinamento, que conformaron a exposición Morriña de estrelas, que puido contemplarse en Madrid, Ourense, Barco de Valdeorras, A Pobra do Caramiñal, Celanova.
A elas engádense agora obras inéditas como os maniquíes de Doporto, creados con pigmentos venecianos. Unha obra moi recoñecible, sobre todo polas súas marionetas calvas cargadas de colorido que xurdiron inspirándose na súa propia vida, cando tivo que enfrontarse a varias sesións de quimioterapia e radioterapia para superar un cancro.
Cultura galega
“Esta artista é unha sobrevivente”, destaca Tareixa Taboada, para quen “é moi importante que un artista traslade as súas vivencias, as súas experiencias e o seu corazón á arte, porque aí hai verdade. Non se trata de buscar unha obra que sexa vendible. Cando falamos dun artista de verdade, temos que atopar na súa obra a súa propia caligrafía”. Neste sentido, a comisaria da exposición destacou que “Lola é a gran embaixadora do folclore galego, como Laxeiro ou Antón Puído, aínda que tende máis ao figurativo”.
Por iso, a comisaria asegura que “Camiño é unha viaxe pictórica, metáfora da vida, da experiencia plástica. Camiño como percorrido, como vida, aprendizaxe e traxectoria plástica, evolución, sanación e crecemento. Lola expón unha peregrinaxe plástica a través da súa persoal caligrafía, inspirada na obra do Mestre Mateo e do Románico. Ao camiño trazado por Lola vánselle engadindo personaxes, como os famosos gaiteiros Faustino e Felisa Vidal, as enigmáticas marionetas, polbeiras e pandereteiras; un camiño alegre de estrelas e paxaros co bulicio triunfante dos pasos percorridos que pecha o seu círculo na capital de Galicia”.
“Se no Pórtico da Gloria hai música, ten que haber unha festa. E aí foi cando xurdiu a idea miña de meter aos gaiteiros, ás pandereteiras, se hai festa ten que haber polbo, empecei a meter os meus personaxes e á cultura galega”, apunta a artista valdeorresa.
A obra estará exposta ata o 17 de setembro.
