Compostela, 22 de setembro do 2017 – Unha vez atopados documentos que demostran a propiedade das estatuas do Mestre Mateo o concello de Compostela ven de reclamar aos herdeiros do ditador a devolución das pezas.
O goberno local vén de enviarlle a Carmen Franco Polo un requirimento para que recoñeza que as estatuas do Mestre Mateo que conserva a súa familia na Casa Cornide da Coruña son propiedade do Concello de Santiago, e para que as poña a disposición da institución municipal no prazo máximo de quince días.
O escrito, asinado polo alcalde, lembra que as figuras que representan a Abraham e Isaac pasaron a mans do ditador probablemente na década dos 50 e “non existe ningún título xurídico que lexitime aquel acto nin a posesión subseguinte das esculturas” por parte de Franco nin dos seus sucesores. Pola contra, si foi localizado o documento notarial de compravenda das estatuas, asinado polo conde de Ximonde e o Concello de Santiago en 1948.
O requirimento firmado por Martiño Noriega insiste en que as dúas obras do Mestre Mateo son “bens do dominio público municipal, que forman parte do patrimonio histórico artístico”, e apunta a que o seu “destino idóneo hoxe en día sería a exhibición permanente no Museo da Catedral de Santiago”.
De non obter resposta no prazo establecido de quince días, o escrito remitido a Carmen Franco Polo sinala que a Corporación municipal exercerá as accións legais procedentes en defensa dos dereitos e intereses lexítimos da cidadanía de Compostela e do seu patrimonio histórico-artístico.