Compostela, 14 de febreiro do 2023 – Comerciantes e veciños do ensanche levan meses esperando a que se arranxe unha illa de contedores con varios deles averiados.
Os problemas veñen desde o mes de novembro cando comezaron a avariarse os contedores. O primeiro foi o de vidro, o que foi comunicado aos responsables sen que se puxera solución. A consecuencia foi inmediata xa que a xente comezou a deixar os restos ao seu carón sen saber moi ben que facer.



O seguinte en “caer” foi o de cartón o que tamén foi comunicado. Un aviso que seguiu o mesmo camiño que o anterior. A situación comezou a empeorar xa que cada día quedaban na rúa restos de lixo dando unha imaxe lamentable.

O problema dos contedores é coñecido desde entón por Urbaser, Ecovidrio e os técnicos municipais. Os veciños contactaron de novo, non hai moito, co concello para saber cando se ía poñer solución. Lonxe de atopar unha resposta descubriron que a tapa basculante que cubre a illa está tamén avariada e o arranxo tampouco ten data.
Ademais do lamentable estado que presenta a rúa, hai días concretos nos que os locais de hostalería non poden poñer a terraza sen facelo no medio do lixo. A veciñanza denuncia que a situación é coñecida por todos os responsables desde hai meses pero non se pon solución ao problema dos contedores avariados e da tapa estragada. Esixen solucións inmediatas e mostran as imaxes de como está a rúa cada día.