Compostela, 9 de decembro do 2022 – O PSdeG incluirá entre as emendas aos orzamentos da Xunta o aparcamento do CHUS e o centro de saúde para Conxo.
O concelleiro socialista, e tenente de alcalde, Sindo Guinarte e a parlamentaria Noa Díaz presentaron no concello as emendas relativas a Santiago que presentará o seu grupo. Díaz cualifica os orzamentos como “decepcionantes” e dia que “cabía esperar máis compromiso con esta cidade. En esencia todas as contas destinadas a Santiago no proxecto de orzamentos para o 2023 son inversións en edificios administrativos”.

Os socialistas reclamarán tamén o incremento das transferencias ao Consorcio e á capitalidade; un centro de día en Fontiñas; a reforma integral do CEIP de Vite I; a construción do Conservatorio Profesional de Danza ou unha escola infantil en Santa Marta.
Sindo Guinarte considera que “Santiago está sendo claramente discriminada respecto a outras cidades de Galicia que si contan con inversión autonómica para aparcadoiros vencellados ás ampliacións dos hospitais”. O socialistas pedirán unha reserva de dous millóns de euros para un aparcamento que en Santiago “é máis necesario que noutros centros, porque a maioría dos pacientes do CHUS non viven na cidade, senón na ampla área sanitaria á que da servizo o noso hospital” explicou Guinarte.
Sobre a petición dun centro de Saúde en Conxo dixo que se trata “dunha demanda longamente exposta e esixida e que a Xunta continúa sen facer efectiva” recalcou Guinarte. O mesmo sucede co centro de día en Fontiñas para o que “desde o Goberno de Bugallo xa se lle ofreceu a Xunta varias parcelas onde se podería situar o centro”.