Compostela, 4 de outubro do 2023 – Organizado por Memoria Atlántica, o cuentista zamorano Don Guti levará ao CSC de Fontiñas o seu espectáculo “Cando Deus andaba polo mundo”.
A cita será este venres as nove da noite e a entrada é de balde ata completar aforo. O zamorano José Luis Gutiérrez, máis coñecido como Don Guti, trae a Compostela un espectáculo que reúne historias que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia.
A actividade está organizada pola Asociación Memoria Atlántica e conta coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago e mais co patrocinio do Concello de Santiago.
“Cando Deus andaba polo mundo” nútrese dos relatos de orixe relixiosa que foron incorporados polos narradores tradicionais ao seu repertorio. Escapaban así do seu hábitat relixiosa e pasaban a ocupar espazos populares e a ser contados ao redor do lume, en xuntanza de pastores, en festas de mozos, afastándose da doutrina e achegándose ao que o pobo lembra e conta.
No caso concreto do espectáculo de Guti, esta sesión reúne relatos escoitados en Noz de Aliste que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia entre España e Portugal, historias onde a bondade e o enxeño de Cristo contrapóñense a un San Pedro, bruto e teimudo, historias onde o humor, a sátira e a crítica están sempre presentes. O espectáculo recolle tamén En la diestra de Dios Padre, un conto publicado en 1897 polo escritor costumista colombiano Tomás Carrasquilla que é a adaptación dunha serie de historias tradicionais de orixe europea que circulaban na súa Antioquía local.
Don Guti é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Realizou un inmenso labor de compilación etnográfica en longos seráns de cociña e faladorio en vilas de Zamora, León e Salamanca. O seu traballo céntrase no uso de materiais recollidos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte anciás e anciáns do mundo rural. Traballou principalmente na contorna rural tentando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite dende o televisor.
É habitual dos festivais de narración e colaborador en traballos discográficos de grupos como Mayalde, Bajo Duero ou La Ronda de Motilleja. Dirixiu unha morea de espectáculos sobre a tradición, publicou artigos relacionados coa etnografía en revistas como El Filandar e colaborou en moitas publicacións especializadas. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.
A Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con estas funcións aspira a retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar.