Compostela, 25 de maio do 2022 – Despois dun curso moi complicado o solar onde estaba o Colexio Peleteiro pasará de curso en xuño coa aprobación da modificación do PXOM.
Como contabamos hai unha semana, que o proxecto saíra adiante dependía, en boa medida, dos acordos coa propiedade. A diferencia estaba en 8 metros de apertura cara a rúa República Arxentina e as negociacións conseguiron unha entrada peonil de 20 metros de ancho que parece satisfacer a todo o mundo.

Ante a negativa do Partido Popular a apoiar a modificación do Plan Xeral para este proxecto, todo quedaba en mans de Compostela Aberta con quen o goberno municipal ven de conseguir un acordo. Marta Lois, voceira de CA, comparecía acompañada do concelleiro Jorge Duarte e explicaba que “Compostela Aberta sempre tivo vontade de acordo na Operación Peleteiro, e desde o primeiro día adquirimos o compromiso de non bloquear o proxecto por intereses partidistas, porque xa sabemos o que é perder catro anos por cuestións electorais que pouco lle preocupan á veciñanza”. Lois engadiu que a opción consensuada era a que no 2018 apoiaban PP e BNG.
Marta Lois aproveitou para enviar un recado ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo “o acontecido con este proxecto demostra que o diálogo é sempre bo para a veciñanza. Esperamos que Bugallo tome nota, e asuma que gobernar desde a soberbia como vén facendo nestes tres anos provoca conflitos e decisións que pode ser pouco acaídas para o conxunto da cidadanía”.
A soidade do Partido Popular
Sánchez Bugallo puxo o foco no día de onte na soidade do Partido Popular do que dixo que queda “fora de xogo” e cualifica a actitude do Grupo neste asunto de “incoherente, e non lóxica”.
Engade que o punto de partida é un “convenio urbanístico subscrito hai case 20 anos e apoiado polo PP, o PSOE e o BNG, as tres formacións políticas que compuñan a Corporación Municipal naquel momento”. En base a ese convenio urbanístico, sinala, “incorpórase no PXOM o volume edificable e os usos previstos”. Recorda que tamén hai un “proxecto de compensación aprobado pola Xunta de Goberno, e non cabe ignorar a existencia de todos estes documentos e acordos, que fan que a empresa propietaria teña uns dereitos recoñecidos sobre esa propiedade”.
A pleno en xuño
Está previsto que a modificación do PXOM para levar a cabo o proxecto Peleteiro se leve un pleno extraordinario a mediados de xuño. Para esa data, sinala Sánchez Bugallo, “xa estarán os planos corrixidos e actualizados”, así como os informes técnicos e o convenio urbanístico que “cómpre suscribir coa empresa propietaria da parcela”. “Espero”, engade, que “co apoio de Compostela Aberta e do BNG, saia adiante”.