Compostela, 12 de maio do 2023 – O concello de Santiago e a Deputación da Coruña asinaron o convenio que pon en marcha o primeiro dos dous tramos que completará a Vía Verde ata Cerceda.

O alcalde, Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación, Valentín Gozález, foron os encargados de asinar o documento. Isto permitira a licitación das obras dos dous primeiros quilómetros do tramo final da Vía Verde.
Ao acto asistiron tamén a deputada provincial, Mila Castro, e o deputado provincial responsable da área de Transición Ecolóxica, Desenvolvemento Territorial e Emprego, José Ramón Rioboo.
Segundo estipula o convenio, esta primeira fase das obras contará cun orzamento de 826.756 euros, dos que a entidade provincial achega arredor de 527.959 euros e o Concello de Santiago os 298.787 euros restantes. Este tramo parte desde a estación da Sionlla e terá unha lonxitude de aproximadamente 2,2 quilómetros.
Durante a súa intervención, Formoso destacou “a posta en valor das antigas vías de ferrocarril, coa reutilización de 36 quilómetros de vías antigas para conseguir a Vía Verde máis longa de Galicia”.
A Deputación está tramitando un segundo convenio para completar a conexión de Santiago con Oroso, que terá uns 8 quilómetros de lonxitude. Este segundo tramo compostelán será cofinanciado pola Deputación, o Concello de Santiago e o Goberno de España con outros 800.000 euros.

Tamén está en tramitación o proxecto para executar o tramo entre Cerceda e Culleredo, que ten como obxectivo unir A Coruña e Santiago a través da vía verde no futuro.
Para o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, “a posta en marcha da Vía Verde é unha vella aspiración dos concellos da nosa área”.
O rexedor indicou que con esta nova senda “aumentamos o número de quilómetros de sendas peonís e fomentamos un estilo de vida saudable entre a nosa cidadanía”.
A realización do tramo compostelán da Vía Verde finalizará a conexión do actual trazado, que xa está en funcionamento en Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda.