Compostela, 2 de outubro do 2023 – A Deputación da Coruña aprobou en pleno a modificación do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial de Roxos a Reborido, en Santiago de Compostela.
A obra na estrada de Roxos xa tivo que ser adiada para retirar postes dos tendidos eléctrico e telefónico na zona de ampliación. Tras comezar os traballos comprobouse tamén a existencia de servizos municipais de abastecemento e saneamento que impedían a correcta execución das obras proxectadas.
Estes servizos provocan a inclusión no orzamento de acondicionamentos de accesos, a construción dun dique e unha barreira de contención, así como as aletas da estrutura. Ademais, debido á dificultade de acceso ás vivendas en distintos puntos, proxéctase a redución da calzada nun metro.
Os traballos na estrada de Roxos a Reborido contan cun orzamento de execución, tras a modificación aprobada, de 1.005.806,10 euros, o que supón un incremento de 146.511, 40 respecto ao anterior. A actuación consiste na ampliación e mellora do trazado desta estrada, co fin de conseguir unha plataforma de oito metros, composta por seis metros de calzada e dúas beiravías dun metro. Os terreos necesarios para levar a cabo os traballos de mellora, que contan cun prazo de execución de nove meses, xa están a disposición.