Compostela, 7 de outubro do 2024 – A Deputación da Coruña está a piques de rematar as obras de mellora da estrada que une Roxos cn Reborido en Compostela, uns traballos que precisaron dun investimento de máis dun milón cen mil euros.

As obras en Roxos consistiron no ancheamento e mellora do vial até o núcleo rural de Frais, nun tramo de 2,6 quilómetros que contaba cunha estrada moi estreita, de entre catro e seis metros, e que agora conta con oito metros.
Para o Presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a obra “Supón unha notable mellora da seguridade vial. Foi unha obra complexa, que contou con varias dificultades e que requiriu de modificacións e ampliacións do orzamento ao longo da súa execución para conseguir o mellor resultado posible”.
González Formoso visitou os traballos o pasado venres acompañado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín e polas deputadas de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e Política Social, Mar García Vidal.
A alcaldesa de Santiago agradeceu a visita do presidente e celebrou “que sexa por fin unha realidade a ampliación desta estrada e que se conseguiran superar todos os atrancos para dotar á zona dunha infraestrutura tan necesaria”.
A Deputación está investindo actualmente máis de 3 millóns de euros na mellora de estradas provinciais no termo de Santiago de Compostela. Ademais desta obra, estase construíndo a senda de Figueiras, con 2,5 quilómetros de longo e 941.000 euros de investimento e as obras de ampliación e mellora da estrada DP 7804 que conecta Santiago e Val do Dubra, con 1,1 millóns de orzamento.
Unha estrada de 8 metros de ancho que conecta Roxos e Frais
O inicio da estrada DP 7802 ten lugar en Roxos, enclave próximo a Santiago con carácter urbano no que se inicia unha estrada de dous carrís cun ancho de 7 metros, franxas para aparcadoiro e beirarrúas en ambas marxes, que conforman unha plataforma total de 16 metros nos primeiros 400 metros do vial.
A partir do PK 0+400, onde se executaron as obras, a plataforma reducíase considerablemente, pasando a unha plataforma moi estreita, de entre 4 e 6 metros de ancho, no tramo que vai ata o fin do núcleo de Roxos, onde se produce un cruce co Camiño Santiago-Fisterra-Muxía.
No tramo que vai de Roxos a Frais (PK 1+060 ao 2+100) a calzada tiña unha anchura de entre 5 e 6 metros, con tramos aínda máis estreitos como o que discorre na ponte sobre o rego de Roxos e no último tramo (ata o PK 2+620) a estrada atravesa o núcleo rural de Frais, onde a anchura media de calzada antiga era de só 4,4 metros.
Estas obras permitiron a ampliación do vial ao longo destes 2,6 primeiros quilómetros de percorrido, ao seu paso polos núcleos de Roxos e Frais. A calzada conta agora cun ancho de plataforma de 8 metros, con carrís de 3,5 metros e arcéns en ambas as dúas marxes.
As obras incluíron tamén a renovación do firme do vial, dotándoo dunha nova capa de rodaxe con base de zahorra artificial e superficie de mestura bituminosa en quente e rego de adherencia en toda a plataforma, así como a instalación de novo sistema de drenaxe, e renovación da sinalización horizontal e vertical.