Compostela, 17 de decembro do 2020 – A Deputación da Coruña apoia con 200.000 euros ao Auditorio de Galicia para o financiamento da súa programación de actividades durante o ano 2020.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades acompañados do deputado de Cultura, Xurxo Couto.
A Deputación apoia así a programación de actividades con 200.000 euros, un 80% do orzamento total que o Auditorio dispón para este fin, que ascende a 250.011,58 euros, e que incluíu ao longo do presente ano unha ampla programación de concertos de música clásica e vangardista, xornadas de ilustración e música contemporánea, o ciclo de Lied, a gala Ari(t)mar, o Festival C, a semana do patrimonio invisible ou o apoio ás compañías de artes escénicas e de movemento.
González Formoso destacou a “gran labor cultural que desenvolve o Auditorio cunha ampla programación de concertos, actividades didácticas e culturais e exposicións para todos os públicos, que ten unha importante difusión alén do propio termo municipal de Santiago de Compostela”.
Pola súa banda, Mercedes Rosón agradeceu a colaboración económica da Deputación “para facer posible unha importante programación cultural que é atractiva, diversa e de calidade”.