Compostela, 16 de febreiro do 2018 – Dous pasos para adiante e dous para atrás no tema da depuradora levado a pleno en Compostela. Nada se move e previsiblemente a vindeira semana máis.
Compostela aberta levou o expediente da depuradora a pleno sen posibilidade de ser aprobado xa que para iso tería que ser levantado un reparo de suspensión de intervención. O reparo indica que non existe orzamento para o proxecto toda vez que os orzamentos non están aprobados definitivamente, algo que sucederá nunha semana con toda probabilidade.
Pero a oposición preguntaba ao equipo de goberno porque, se non se podía votar, levaba o expediente a pleno sen levantar o reparo. A resposta de Martiño Noriega era clara: levantar o reparo é competencia plenaria. O alcalde defendía o posicionamento de que Compostela Aberta non estaba a favor de levantar o reparo pero que o pleno tiña capacidade para facelo e seguir adiante coa tramitación. A oposición, tras avanzar pedindo o levantamento do reparo de suspensión, retrocedía no momento de votar. O equipo de goberno votaba en contra de levantar o reparo, Psoe e PP abstíñanse e o BNG día que non votaría o punto pero, como non saíron do salón de plenos, o secretario considerou o “non voto” como abstención.
O debate polo demais moveuse en posición coñecidas. Martiño Noriega resumiu os pasos dados e defendeu as melloras propostas, ao longo da negociación, no proxecto para o Souto que finalmente o Ministerio de Medioambiente non aplicou. Mostrouse en contra do convenio actual por esixir a cidade moito mais que convenios similares en outros puntos de Galicia. Finalmente lembrou que os recursos do concello de Ames e da Plataforma de defensa do Sar farán en todo caso que o proxecto se ralentice aínda máis.
Tanto BNG como Psoe criticaron a negociación e o tempo empregado en ela. Tamén se mostraron contrarios ao convenio polas mesmas razóns de agravio comparativo dadas polo equipo de goberno. Finalmente pediron a Compostela aberta que se non lle servía o proxecto que presentara outro.
O Partido Popular foi o único que defendeu a ubicación do Souto dando a entender que era a menos mala. Insistiu en que dados os prazos e a posibilidade de perder os fondos europeos o Souto é o único camiño.
Un pleno que deixa todo no mesmo sitio aínda que deixa entrever que os problemas do convenio son sobretodo económicos. Si finalmente as outras administracións rebaixan a porcentaxe que Compostela tería que pagar non queda claro que o pleno non aprobe a depuradora no Souto. Teremos que esperar a semana que ven, cando previsiblemente volva a pleno o tema, para saber máis da postura de cada grupo.