Compostela, 18 de novembro do 2020 – O concello de Santiago celebrou un pleno extraordinario no que aprobou o destino dos remanentes, a modificación de crédito para o Plan de Sostibilidade Turística e o inicio da modificación do PXOM para regular as vivendas turísticas.
Os cartos destinaranse ao pagamento de sentenzas, á realización dunha serie de investimentos no ámbito urbano e rural, e para a concesión de axudas no ámbito da cultura, do comercio e a hostalería local. O importe total é de 9.501.325,45 euros, financiados cos remanentes de tesourería para gastos xerais do exercicio 2019.
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que Compostela é o segundo concello de Galicia, despois de Vigo, que aproba o expediente para a utilización do remanente. O rexedor desculpouse pola celeridade na tramitación, pero indicou, “creo que os nosos veciños o necesitan, e creo que vostedes o cren tamén”. A proposta saíu adiante cos votos a favor do grupos socialista e popular e coa abstención de Compostela Aberta e BNG.
Obras esperadas
Estes investimentos permitirán, entre outras obras, a adecuación da rúa do Hórreo para a súa adaptación ao novo espazo intermodal por un importe de 610.000,00 €. O acondicionamento de parcela para o aparcadoiro exterior da rúa Altiboia na súa primeira fase por 208.907,95 euros. O acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño para usos polivalentes por 467.968,40 ou a rexeneración do pavimento da calzada da avenida de Asturias por 517.204,47 € e a renovación do céspede do campo de fútbol situado a carón do Sergas cun investimento de 568.267,15 €.
Plan sostibilidade turística
O pleno tamén aprobou, cos votos a favor dos grupos socialista e popular e as abstencións de Compostela Aberta, e BNG, o expediente modificativo de crédito cun importe de 200.000 euros para a achega neste do 2020 por parte do Concello ao do Plan de Sostibilidade Turística de Santiago de Compostela. A aportación municipal total será de 1.000.000 de euros, divididos en tres anualidades.
Modificación titulo iii do PXOM
Tamén se aprobou, neste caso cos votos a favor do grupo socialista, Compostela Aberta e BNG e coa abstención do PP, a solicitude de inicio da avaliación ambiental da modificación puntual do título III do Plan Xeral de Ordenación Municipal, sobre regulación de usos, que inclúe como novidade no PXOM a ordenación dos aloxamentos temporais, entre os que se atopan as vivendas de aluguer turístico, primando o uso residencial.