займ срочно

De Lugares e Órganos volve a Compostela desde o 24

0

Compostela, 14 de marzo do 2024 – Coincidindo coa Semana Santa Compostela acolle unha nova edición do festival De Lugares e Órganos que se celebrará do 24 ao 31 de marzo próximos.

De Lugares e Órganos está promovido desde a Concellaría de Capital Cultural e ofrecerá seis concertos ao vivo e outras actividades como danza, cinema, conversas, itinerarios e exposicións fotográficas.

A igrexa de San Paio de Antealtares, a igrexa de Santa Clara, a capela das Ánimas, a igrexa de San Miguel dos Agros e a igrexa da Universidade acollerán os concertos. A concelleira de Acción Cultural de Compostela, Míriam Louzao, e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo, presentaron este mércores en rolda de prensa a programación da que é a novena edición.

De Luagres e Órganos conta ademais coa colaboración de entidades e institucións como a Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia, a Fundación Catedral de Santiago, NUMAX, o Instituto do Cinema Eslovaco, o Ateneo de Santiago, o Concello de Burgos (responsable do Concurso Nacional de Órgano Francisco Salinas), Órganos de Galicia e a Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago de Compostela (EM-Rede).

Logo de destacar e agradecer todas as colaboracións que se concentran no ciclo, Louzao salientou del “a coidada harmonía de diferentes disciplinas artísticas, o xogo co espazos e o rigoroso estudo tradición como punto de partida para a construción dunha proposta plenamente actual”.

A directora artística, Belén Bermejo, apuntou que, ao longo das súas nove edicións, ‘De Lugares e Órganos’ soubo “moverse entre diferentes fronteiras, que van dende a música académica á experimental, coas novas músicas, a danza, o jazz, o cinema ou a arte sonora”. Coa articulación deste programa o ciclo conseguiu “espertar o interese da cidadanía por esa parte do patrimonio histórico tan descoñecida e pouco investigada, maltratada pola historia, as guerras, as crises económicas e o desleixo” co obxectivo de “aprender a coidalo e transmitilo ás xeracións futuras”.

Concertos ao vivo

O concerto do organista galego Carlos Fernández Bollo abre a programación o domingo 24 de marzo ás 20.30 horas na igrexa de San Paio de Antealtares. Gañador do V Concurso Nacional de Órgano Francisco Salinas, ofrecerá un programa integrado por música ibérica e europea do Século de Ouro e do primeiro Barroco, facendo ao tempo gala das súas habilidades improvisatorias. No decurso do concerto, o público terá ademais oportunidade de conversar co artista sobre a súa formación, perspectivas e proxectos.

A igrexa de Santa Clara acollerá o segundo concerto do ciclo, o luns 25 de marzo ás 20.00 horas. O conxunto Ars Lusitana, dirixido pola cantante e arpista Maria Bayley, interpretará entón un programa centrado na música renacentista procedente de conventos femininos, en particular na misa O gram senhora, recollida nun manuscrito conservado no Museo de Arte Sacra de Arouca (Portugal). A proposta inclúe a reconstrución dunha práctica perdida, a interpretación dunha misa a catro voces, na que as tres partes superiores son cantadas e a parte inferior é tocada polo baixón, instrumento antecedente do fagot . Ademais, aborda, a xeito de recreación litúrxica, outras obras dos repertorios de canto chan e polifónico portugués da mesma época, e obras para órgano do repertorio ibérico do século XVI. Canda a soprano , arpista e directora Maria Bayley, Ars Lusitana está conformado pola soprano Teresa Duarte, a contralto Maria de Fátima Nunes, a baixonista Joana Bessa Almeida, e o organista André Ferreira.

O violinista Adrián Linares e o organista Juan de la Rubia xúntanse en ‘De Lugares e Órganos’ para presentar en Compostela un programa de músicas da chamada Escola de Venecia, un movemento que tivo o seu máximo esplendor entre a segunda metade do século XVI e o primeiro terzo do XVII, e que reunía unha serie de autores arredor de importantes innovacións na praxe musical, que marcarían a transición do Renacemento ao Barroco. O seu concerto será o mércores, 27 de marzo ás 20.00 horas na capela das Ánimas.

A igrexa da Universidade acollerá o venres 29 de marzo ás 20.00 horas unha das propostas máis singulares desta edición. Será entón cando a música, coreógrafa e bailarina especializada en danza histórica, Eva Narejos, e a organista Ana Aguado presenten un espectáculo de música e danza arredor das idades de Santa Teresa. O traballo coreográfico parte da reconstrución de danzas do Século de Ouro a partir de fontes orixinais recollidas en documentos da Escola ibérica de danza. Ademais, contarase con outras coreografías, creación propia de Eva Narejos, a partir da linguaxe coreográfica da época. As danzas serán interpretadas, entre outras, sobre as músicas de Antonio de Cabezón, Pablo Bruna, Antonio Martín y Coll e melodías das Cantigas de Santa María.

Outras dúas mulleres, a compostelá Marta López e a austríaca Maria Danneberg, xúntanse tamén ao abeiro do ciclo para facer música inglesa do século XVII nun dos órganos emblemáticos da cidade, o órgano da igrexa da Compañía. O concerto, programado o domingo 31 de marzo ás 20.00 horas, convida o público a mergullarse no mundo das divisions, grounds e danzas inglesas, combinando o colorido son da viola de gamba coas ricas posibilidades sonoras do órgano para recrear un repertorio extraído de dúas coleccións, o Fitzwilliam Virginal Book e o Manchester Gamba Book.

Cinema, fotografía e itinerarios

Alén dos concertos, o ciclo mantén a sección ‘O órgano sae á rúa’ para estender a súa proposta de descuberta máis aló da área estritamente musical. Desta volta, afonda na pegada do órgano no cinema coa proxección da película Organ, o 26 de marzo ás 19.30 horas na NUMAX. O filme dirixido por Štefan Uher ofrece unha poética ollada sobre totalitarismo e as súas consecuencias e pon o foco na funesta unión entre o clero e o estado eslovaco, que se teceu entre os anos 1939 e 1945. O órgano e a música de Bach son os protagonistas e o fío condutor deste filme que, na súa estrea, se fixo co premio do Xurado no Festival de Cine de Locarno.

Recuperar e visibilizar o pasado musical da cidade é o obxectivo da sección ‘Outras paisaxes, outros tons da cidade’, con dúas propostas nesta edición. A primeiras delas é un percorrido polos lugares de memoria arredor da figura do organista e compositor compostelán frei Bartolomé de Olagüe. O mércores 27 de marzo ás 10.30 horas, o itinerario partirá da rúa do Castro para percorrer, ao longo da cidade, diferentes lugares que teñen que ver coa figura deste ilustre músico. A visita rematará cun pequeno concerto no órgano de San Miguel dos Agros a cargo do organista e investigador Marco Aurélio Brescia, no que se interpretarán obras de Olagüe recollidas no coñecido como Libro de Cyfra de Porto. A segunda das propostas da sección é a exposición fotográfica arredor dos órganos de Compostela que poderá ser contemplada, durante todo o período de programación, en escaparates de diferentes establecementos comerciais da cidade.

Entradas

As entradas os concertos e actividades son de balde previa retirada de invitacións (máximo, 2 por persoa), que estarán dispoñibles dende este mércores no despacho de billetes da Zona C ·Punto de Información Cultural, situada na rúa do Preguntorio e aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas.

De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día de cada actividade no lugar onde esta se celebre dende unha hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio e cada sesión e partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

A asistencia á proxección na NUMAX ten un custo de 4€. Pódense mercar entradas anticipadas no despacho de billetes do cinema ou na web numax.org.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies