O ciclo de concertos celebra este ano a súa décima edición. Inaugurase este domingo 13, coa formación Galega Catro Quince, na Igrexa de San Paio de Antealtares.

A Semana Santa de Compostela ten desde hai tempo un complemento musical co ciclo De Lugares e Órganos que chega en este 2025 a súa décima edición. Unha serie de concertos que terán lugar en espazos únicos da cidade do 13 ao 20 de este mes de abril.
O ciclo ofrece ademais novas oportunidades de descubrir o patrimonio organístico de Santiago e coñecer a súa historia musical con concertos e actividades diversas en lugares excepcionais.
Catro Quince
A formación galega Catro Quince abre a programación este domingo 13 de abril ás 20.30 horas na Igrexa de San Paio de Antealtares co concerto Con moita invención e diversidade. Roberto Santamarina Fernández ao violín barroco, Carlos García Amigo ao violonchelo barroco e Alejandra Escolante Mujico ao órgano e espineta son os músicos que compoñen esta formación.

O programa iniciase cunha entrada de claríns de autoría anónima que dá paso a obras de autores como Bernardo Storace, Giovanni B. Fontana, Dario Castello, Marco Uccellini, Johann Jakob Froberger, Domenico Gabrielli, Johann H. Schmelzer e Pedro de Araújo, que explora as linguaxes e sonoridades do Barroco.
Este percorrido pola música de diferentes autores do século XVII dá mostra do novo estilo que se instalou naquela altura na composición musical, caracterizado polo afán de xerar emocións a través de fortes contrastes no ritmo e nas dinámicas e de novas formas interpretativas. De aí o título que inspira o programa, extraído da recomendación que o teórico italiano A. Agazzari lles prescribía aos intérpretes de tocar “… con moita invención e diversidade”.
Os convites para o concerto, de balde e esgotados desde hai uns días, teñen validez até 10 minutos antes do seu comezo. En caso de non asistencia, as localidades vacantes poranse á disposición do público.
Catro Quince
Roberto Santamarina Fernández, Carlos García Amigo e Alejandra Escolante Mujico integran Catro Quince, unha formación na que as diferentes traxectorias artísticas destes intérpretes converxen nun interese compartido pola música antiga e polos repertorios do Barroco temperán.
O seu nome fai referencia a unha frecuencia de afinación, máis grave que a habitual nas orquestras modernas, que ofrece sonoridades menos potentes, pero máis cálidas, e que vén sendo empregada como patrón habitual na interpretación de música historicamente informada.
Separadamente, son tamén integrantes e colaboradores de coñecidos grupos de música histórica (Alicerce, Manseliña, Martín Códax, América Antiga…), e participan activamente en diferentes ciclos culturais e musicais da súa contorna e do ámbito estatal e internacional.
O seu repertorio transita do sacro ao profano, especializándose na música do século XVII con obras para este tipo de agrupación instrumental (Sonatas, Canzzonas, Ciacconas…) de compositores como Uccellini, Fontana, Castelo, Marini, Matteis, Schmelzer, Froberguer ou Biber, entre outros.
O órgano de San Paio de Antealtares
O concerto deste domingo permitirá ao público do ciclo gozar unha outra vez do órgano da igrexa de San Paio de Antealtares, un dos instrumentos históricos máis presentes na traxectoria do programa De Lugares e Órganos.
Coa reorganización das ordes monacais en Galicia no século XVI, as monxas beneditinas pasaron a ocupar o mosteiro de Antealtares, onde en 1537 se construíu un órgano a cargo de Pedro Vélez. Máis adiante, en 1625, Gaspar de Alaraz y Estrada, organeiro da Catedral de Santiago, interveu tamén no instrumento.
A finais do século XVIII, entre 1782 e 1784, o organeiro compostelán Alberto de la Peña construíu o órgano que hoxe se conserva, considerado unha obra mestra da organaría barroca ibérica. Foi restaurado por primeira vez en 1974 polo obradoiro de Gerhard Grenzing, quen destacou a súa excepcional calidade.
O instrumento ten dous teclados de 51 teclas, partidos e con oitava tendida. O primeiro teclado controla o chamado órgano maior, aquel composto polos canos da fachada e outros máis dentro da caixa, pero na súa parte frontal.
Pola contra, o segundo teclado controla a chamada cadereta interior, que é como un pequeno órgano independente, con todos os canos dentro da caixa situados cara á parte de atrás. O son deste segundo teclado é máis feble e afastado que o do primeiro, o que lle permite ao instrumentista introducir cambios de intensidade na súa interpretación, e tamén mudar os timbres, pois cada teclado dispón de diferentes rexistros.
O número total de rexistros é, no órgano maior, de 13 na man esquerda e 15 na dereita e, na cadereta, de 7 na man esquerda e 8 na dereita. Ten, ademais, 10 contras ou canos de sonoridade grave que se poden accionar cos pés.
Para Compostela en particular, e para Galicia en xeral, este instrumento representa un dos cumes da arte da organaría no momento de máximo esplendor do chamado órgano barroco ibérico. É, por tanto, unha das pezas máis importantes, en termos absolutos, do patrimonio histórico galego, construída ademais por un organeiro formado en Compostela, daquela un dos principais focos da organaría peninsular.
O son do órgano ecoa noutros espazos de Compostela
Alén dos concertos, o ciclo mantén seccións xa tradicionais que espallan a súa proposta de descuberta musical pola cidade. Desta volta, afonda na pegada do órgano no cinema coa proxección da película L’Année dernière à Marienbad (O ano pasado en Marienbad, Alain Resnais, 1961), o 14 de abril ás 19.30 horas en NUMAX.
O clásico filme de Alain Resnais ten a singularidade de que a súa banda sonora foi composta para órgano por Francis Seyrig, e é precisamente a música un dos elementos que máis intensifica a sensación de ambigüidade e entresoño que caracteriza a cinta. A intérprete da música, Marie-Louise Girard, e o órgano no que esta foi gravada, o do Oratoire du Louvre en París, contribúen a realzar a relevancia que o instrumento acada no conxunto dun filme cun elevadísimo interese cinematográfico.
A proxección, en versión orixinal francesa con subtítulos en galego, irá acompañada dunha pequena conversa para contextualizar a proxección e achegar as claves que permitan entender a conexión do filme co mundo do órgano.
As entradas (4€) están dispoñibles na sala de cinema e na web numax.org