Compostela, 2 de outubro do 2023 – O Festival Curtocircuíto celebra desde este martes o seu 20º aniversario do mellor xeito posible, coa estrea de O Corno de Jaione Camborda que ven de gañar a Concha de Oro do Festival de San Sebastián.

Curtocircuíto celébrase do 3 ao 8 de outubro no Teatro Principal e outros espazos do casco histórico. Está organizado polo Concello de Santiago (Compostela Cultura) e conta co apoio, entre outros, da Deputación de A Coruña, AGADIC ou a ICAA.
COSMOS, principal novidade do vixésimo aniversario.
Curtocircuíto cumpre vinte anos cunha edición chea de novidades, renovando a súa identidade visual e reconfigurando o seu modelo de festival ao redor de sete seccións (dúas competitivas e cinco paralelas) e seis sesións especiais.
No 2013 Curtocircuíto viviu a súa primeira transformación: implementou na súa proposta outras artes visuais, incluíu longametraxes e creou as seccións Radar, Penínsulas, Planeta GZ, Terra, Púlsar ou Supernova, entre outras. O seu imaxinario, dende entón vencellado á exploración de novos territorios, acolleu máis de tres mil filmes.
Dez edicións despois, o festival volve a reinventarse para ofrecer un modelo compacto que terá o seu eixo nunha ampla Sección Oficial chamada Cosmos. Esta nova sección concentrará os filmes que antigamente acollían Explora, Radar ou Penínsulas. A vontade de Cosmos é romper as barreiras dos xéneros e a procedencia territorial para poñer os filmes a dialogar sen límites.
Cosmos nace para levar a Curtocircuíto a unha nova etapa onde o cinema narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros temas vixentes da nosa sociedade teñan un espazo para a visibilización e a reflexión.

Nova identidade visual
Esta edición trae dúas novidades: a nova identidade gráfica do festival e a propia campaña promocional para 2023. A nova identidade gráfica de Curtocircuíto, realizada polo deseñador eenyakee en colaboración coa dirección artística do festival, é atemporal, cabalga entre a liña do moderno e o clásico e acepta sen dificultades un desenvolvemento futuro.

Curtocircuíto sempre entendeu que a comunicación do festival, máis aló de seren un envoltorio, é parte da súa liña de programación. Por iso dende hai máis dunha década a campaña promocional de cada edición afonda nos conceptos de “misterio” e “exploración”. A misión de Curtocircuíto é chegar os novos territorios da creación artística e por iso a súa imaxe sempre está vencellada á paisaxe e os lugares por descubrir.
Segundo o deseñador eenyakee “o novo logotipo parte da letra O para xerar un xogo que recorda a un efecto fractal, á dispersión da luz, a un faro e a outros efectos lumínicos. A narrativa dos carteis retoma o campo semántico dos territorios inexplorados, texturas descoñecidas, mapas, etc., resultando unha paisaxe abstracta que suxire novos camiños, tempos novos. Un novo amencer tras o último solpor”.
Curtocircuíto en Filmin
Entre outras accións especiais, para celebrar o seu 20º aniversario, Curtocircuíto recupera a súa canle en Filmin. Presentarase un programa de 20 pezas; unha selección dos mellores filmes curtos das últimas dúas décadas, innovadores, rupturistas e visionarios.
Curtocircuíto: 20 anos de Historia
Curtocircuito – Festival Internacional de Cinema ten o seu xermolo na primavera de 2003 como unha actividade independente que buscaba promover a cultura audiovisual a través da proxección pública de filmes nas prazas de Compostela. Aquela iniciativa chamouse “Cortos na rúa” e foi un bo exemplo de activismo do it yourself. En 2004 o nome mudou a
Curtocircuíto, o Concello de Santiago de Compostela -a través de Turismo de Santiago e a Santiago de Compostela Film Comission-, pasou a ser o principal promotor do evento, que se expandiu por espazos fundamentais da cidade: o cemiterio de Bonaval, a desaparecida Sala Nasa, a Sala Capitol, o CGAC, o auditorio de Xornalismo ou o Teatro Principal. A idea era xerar un circuíto de curtas en espazos tanto interiores como exteriores da zona vella da cidade.
O convidado especial daquel ano foi o mítico director de serie B, Jess Franco, e dende aquela edición, sen perder o espírito innovador, o Festival evolucionou cara un formato internacional e interdisciplinario -recibíronse máis de 2400- convidados e convidadas. Ata hoxe funciona como unha xanela bidireccional, acelerador de redes de traballo internacionais e alicerce da promoción do cinema galego, cunha firme vontade de xerar tecido local.
Nestes vinte anos visitaron o Festival nomes históricos do cinema mundial como Aki Kaurismäki, Abel Ferrara, Peter Greenaway, Ulrich Seidl, Todd Solondz, Pedro Costa ou Jørgen Leth; referentes do cinema de vangarda como Peter Tscherkassky, Sergei Loznitsa, FJ Ossang, Bertrand Mandico ou Mike Hoolboom; algúns dos fotógrafos contemporáneos máis destacados do país, como Cristina de Middel, Lua Ribeira, Alberto García-Alix, Joan Fontcuberta ou Ricardo Cases; músicos e investigadores sonoros como David Toop, Francisco López, Jacob Kirkegaard ou Blixa Bargeld; e se lle adicaron a suas primeiras retrospectivas individuais en España a destacadas creadoras contemporáneas: Jessica Sarah Rinland, Ana Vaz, Laura Huertas Millán, Gabriel Abrantes, Andrew Norman Wilson, João Salaviza, Caroline Poggi ou Teddy Williams. Na sua teima por explorar a converxencia das artes visuais e sonoras, o festival convidou tamén nestes anos a artistas imprescindibles da vangarda experimental: Myriam Bleau, Ryoichi Kurokawa, Alex Augier, Pedro Maia, Martin Bernier, Vessel, Elías Merino ou Marta Verde.
Para a súa edición de 2023 Curtocircuíto mantén o seu compromiso por apoiar ao cinema independente galego e internacional, e reafirma a súa aposta polas experiencias visuais en vivo, insubstituibles polas plataformas en liña.
