Compostela, 7/04/2026 – O vindeiro xoves 30 de abril o aparcamento público de Salgueiriños acollerá o Cruceiro Fest, un festival con concertos de artistas de música urbana en lingua galega. A festa comezará ás 19.00 h e serán un total de doce artistas os que subirán ao escenario durante nove horas.
No cartel do Cruceiro Fest está confirmada a presenza de figuras emerxentes da música urbana en lingua galega, como Lg1do, procedente de Santa Comba; ou Guzmen, de Vigo. Os dous son autores do tema ‘Darche’, que conseguiron situalo no top 10 das cancións máis virais en España en Spotify.
Estarán acompañados por outros cantantes cunha carreira musical en alza como Xian Pais, Willow Ghz, Lil Sam, Jallejo, Big Meu, Kid Mount, X Maseda e Ak Villar. Os DJs Zarko e Kike Varela tamén están confirmados para animar á xente a bailar.
O evento será completo xa que os asistentes terán carpa para protexerse das inclemencias meteorolóxicas e food trucks nas que comer e recuperar enerxías. O coste da entrada é de 15 euros e a música comezará a soar ás 19:00 horas. As entradas están á venda ata o 14 de abril no seguinte enlace https://woutick.com/es/entradas/cruceiro-fest .
O Cruceiro Fest está organizado pola Comisión de Festas do Cruceiro da Coruña 2026.
