Imagen de IMG_WorldWide en Pixabay
Compostela, 07/07/2026 – Compostela Convive organiza na Praza de Abastos, durante este mes, un total de tres xornadas gastronómicas da man de profesionais da restauración e persoas representantes de diferentes culturas e países do mundo.
Esta actividade terá lugar na Aula Gastrocultural do Mercado e permitirá ás persoas asistentes achegarse á riqueza culinaria e cultural de diferentes territorios a través de elaboracións tradicionais, explicacións sobre os seus procesos de preparación e a degustación dos pratos elaborados.
Compostela Convive é un programa organizado pola Plataforma polo Emprego en colaboración coa UAMI do Concello de Santiago, no marco do seu compromiso coa promoción da convivencia intercultural e a creación de espazos abertos, diversos e libres de prexuízos.

Este evento gastronómico que organiza Compostela Convive comeza hoxe mesmo coa participación de Binafou AR Sylla, orixinario de Malí, quen compartirá co público unha mostra da cociña tradicional do seu país de orixe.
A actividade contará coa colaboración do cociñeiro Kike Piñeiro, de A Horta d’Obradoiro, nun encontro gastronómico que permitirá descubrir sabores, ingredientes e costumes vinculados á tradición culinaria maliense.
A segunda sesión desenvolverase o martes 14 de xullo e estará dedicada á gastronomía marroquí. Nesta ocasión, Ilham El Kartit e Sanae El Amri, do restaurante Nömada Dar, achegarán ás persoas asistentes unha mostra representativa da tradición culinaria de Marrocos, poñendo en valor receitas, técnicas e elementos culturais que forman parte da identidade gastronómica deste país.
O ciclo rematará o martes 21 de xullo cunha xornada centrada na gastronomía palestina, da man de Ahmed Qabb e Aya Al Suliman, do restaurante Jerusalem. A través das súas elaboracións, o público poderá coñecer algúns dos pratos máis representativos desta tradición culinaria, así como os relatos, costumes e valores culturais asociados á mesma.
As tres sesións darán comezo ás 19:00 horas e combinarán demostracións culinarias, explicacións sobre o contexto cultural dos pratos e unha degustación final destinada ás persoas participantes. Deste xeito, a gastronomía convértese nunha ferramenta para o diálogo intercultural e para o coñecemento mutuo entre culturas.
A participación nos obradoiros é de balde, mais o aforo é limitado, polo que será necesario formalizar a inscrición previamente mediante o envío dun correo electrónico a seguinte dirección: compostelaconvive@gmail.com.
Esta actividade forma parte da programación de Compostela Cultura, está organizada pola Plataforma polo Emprego e conta co financiamento da Unidade de Atención ás Migracións e Interculturalidade (UAMI) do Concello de Santiago de Compostela.
A través desta iniciativa búscase promover o encontro, a convivencia e o recoñecemento da diversidade cultural presente na cidade, poñendo en valor as experiencias e achegas das persoas de orixe migrante.
