O goberno municipal cambia de modelo evitando a Oficina Nacional de Evaluación e conseguindo un maior control sobre a xestión do servizo de transporte.

O contrato de transporte municipal é dos máis esperados na cidade, dos máis complexos e dos que leva máis tempo esperando avances. Onte a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de mobilidade, Xan Duro, presentaron un cambio de modelo na licitación que abre unha vía tal vez máis áxil pero tamén cos seus riscos.
Tanto Sanmartín como Duro quixeron poñer en valor que aínda que durante tempo non haxa novas dun tema, como é o caso do contrato do transporte, iso non quere dicir que non se traballe en el. En ese traballo interno estivo a avaliación dos últimos contratos presentados ante a oficina nacional de evaluación, a ONE.
Xan Duro explicou que “fixemos un exercicio de mirar a outras cidades, co obxectivo de avanzar nesta licitación coa maior seguridade xurídica”. Goretti Sanmartín apuntou que neste proceso de análise, o Concello de Santiago avaliou diferentes sentenzas xudiciais e tamén resolucións da ONE de finais de 2024 e dos primeiros meses de 2025, “e atendendo ás súas recomendacións optamos por mudar a licitación, renunciando ao modelo da concesión para facer un contrato de servizos”.
Engadiron que dos últimos 9 contratos presentados á ONE baixo o modelo de concesión 6 foron denegados. Esta foi unha das razóns para cambiar o modelo e pasar a un de servizos. Non é algo extraordinario xa que urbaser ou os vehículos da policía local, están baixo contratos de este formato.
Entre as consecuencias do cambio Goretti Sanmartín dixo que “poderemos manter o mellor servizo para a veciñanza, cun ambicioso deseño das liñas, con máis frecuencias e servizos nocturnos, e cunha mellor atención ao rural, desde o convencemento de que o transporte non debe ser un negocio, senón un servizo público para axudar a construír unha Compostela mellor”.
Xan Duro defendeu que a decisión do Goberno de Santiago “é reformular a licitación para apostar por un contrato de servizos, mantendo a achega pública que tiñamos prevista porque entendemos que o transporte non pode ser tratado como un negocio máis, senón como un servizo público fundamental para termos unha mobilidade máis sostible, rebaixar o uso do vehículo privado, e gañar máis espazo urbano para as persoas”.
O concelleiro de Mobilidade explicou que a achega municipal ao servizo, estimada inicialmente en 8 millóns de euros anuais, “é imprescindible para que as numerosas melloras previstas no contrato non repercutan nas tarifas que pagan as persoas usuarias, porque a nosa vontade é que este sexa un servizo accesible para a veciñanza”.
Neste sentido, lembrou que “a renovación e ampliación da frota ata os 67 autobuses, as liñas alimentadoras do rural, os buses nocturnos, ou as maiores frecuencias teñen un custo elevado, que sen a achega municipal terían que traducirse nun incremento notable dos prezos que pagan os e as viaxeiras”.
Optando polo contrato de servizos e polo tanto por manter a achega pública, a estimación inicial é que o prezo do billete no bono ordinario, a modalidade utilizada por máis do 50% das usuarias, suba só 3 céntimos, dos 0,60 euros actuais a 0,63.
Ademais, Xan Duro apuntou que o contrato de servizos “outórgalle ao Concello unha maior capacidade de control do servizo da que tería cunha concesión, e mesmo deixa máis marxe para adaptalo á evolución da propia cidade”.
Neste sentido, lembrou que unha das eivas do actual modelo “é que non hai capacidade para facer grandes cambios no deseño das liñas, aínda cando xa non responden ás necesidades dunha cidade que foi medrando”.
A alcaldesa e o concelleiro de Mobilidade explicaron que o cambio do modelo de licitación non suporá mudanzas nas grandes cifras do contrato, que segue tendo un importe base de licitación que ronda os 137 millóns de euros e que se formula como un contrato a 13 anos.
O goberno municipal prefire non dar prazos xa que hai que emitir novos informes antes de sacar a licitación pero están convencidos de poder licitalo antes de que remate a lexislatura.