SONY DSC
O goberno municipal convoca un pleno extraordinario este venres ao que levará o pagamento de máis de dous millóns de euros en horas extras que bombeiros e policía local teñen pendentes de pago.

O conflito laboral cos bombeiros e policía local camiña en Compostela cara a unha solución con conversas e a intención de pago das horas extras pendentes. Unha vez alcanzado un acordo polo que esas horas extras incluirán os incrementos correspondentes, este venres convocase un pleno extraordinario para que sexa definitivamente aprobado o pago.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, anunciou que hoxe terá lugar a Comisión Informativa para ditaminar o expediente de pagamento destas gratificacións a bombeiros e policías, un expediente que vai habilitar o pagamento de 2.172.487,76 euros por dous conceptos: gratificación por horas extra desde novembro de 2024 a maio de 2025 e por traballo en festivos de xaneiro a setembro de 2025.
Sanmartín tamén deu conta do diálogo que se mantén coa representación sindical e asegurou que a intención do goberno é poder sentarse de novo esta mesma semana, ou a máis tardar a comezos da seguinte, para tratar unha proposta que sente as bases dun acordo.

Indicou ademais que, tras a última xuntanza do grupo de traballo para negociar unha saída ás demandas salariais de policías e bombeiros, o Concello está estudando as repercusións económicas das súas propostas, así como o seu encaixe xurídico. Tamén será imprescindible realizar unha análise de avaliación dos postos de traballo para incrementar o cobro no complemento específico.
No caso dos bombeiros, cubriríanse inmediatamente con interinaxe 3 prazas da oferta de 2023 e unha baixa de longa duración, e levaranse á seguinte mesa de negociación as bases da oferta de 2025, que son 9 prazas máis. Tamén informou que para o caso dos bombeiros se vai explorar a opción excepcional que recolle a Lei de orzamentos do Estado para superar en máis a taxa de reposición.
Incendio sábado
Goretti Sanmartín tamén deu conta do sucedido o sábado cando se produciu un incendio nunha vivenda no barrio da Pontepedriña. En primeiro lugar, fixo un recoñecemento “ao labor dos bombeiros e policías locais, policías nacionais e do 061, que participaron no dispositivo de emerxencias, así como a todo o persoal mobilizado desde outros parques”. A rexedora tamén puxo en valor “a solidariedade da veciñanza coas persoas desaloxadas e, nomeadamente, ao propietario do albergue La Estación que abriu as súas portas para realoxar desde o primeiro momento as persoas que tiveron que saír das súas casas”.
En relación ao operativo, informou que a chamadas e rexistrou ás 10:55h, momento en que tres persoas estaban no parque facendo labores habituais, desde onde saíron, mentres que o sarxento saíu directamente desde a estación de Amio, onde estaba repostando o camión. Polo tanto, desprazáronse un total de catro efectivos até o punto onde se produciu o incendio cunha estimación de chegada de sete minutos.
Antes da saída, o parque de bombeiros de Santiago solicitou efectivos doutros servizos, unha actuación habitual de colaboración entre os parques de bombeiros. Foron mobilizados efectivos de Brión e Ordes, se ben estes últimos non tiveron que intervir na extinción do incendio.
Goretti Sanmartín explicou que a intervención respondeu aos protocolos e ás decisións dos mandos do corpo de bombeiros que son os que deben primar nunha situación deste tipo. Segundo recolle o informe dos bombeiros, o lume comezou no primeiro andar mais, ao quedar as portas abertas durante a saída das persoas que estaban nese andar, o oco da escaleira fixo de tiro e os andares superiores quedaron afectados polo fume. No cuarto andar había dúas persoas e un can que foron evacuadas pola escaleira interior, se ben os bombeiros de Santiago tiñan prevista e colocada a autoescada exterior por se fose necesaria mais, finalmente, optouse por unha evacuación pola escaleira interior.
Acusacións do Partido Popular
O concelleiro do Partido Popular , José Ramón de la Fuente, denunciaba onte a “incomprensible e irresponsable desaparición de Goretti Sanmartín durante o grave incendio rexistrado o sábado na cidade”. Sobre este extremo do sucedido a alcaldesa explicaba que estivera a primeira hora fora por un asunto familiar pero que posteriormente estivo no lugar e cos afectados.
Goretti Sanmartín insistiu en que este tipo de declaracións só consiguen “enlamar” o ambiente da cidade sen base algunha e acusou ao PP de querer impoñer un ambiente de caos que non se corresponde coa realidade.
