Compostela, 24 de setembro do 2024 – Compostela pregúntase como mellorar o no que une Xoán Carlos I coa Praza de Galicia e a Virxe da Cerca, na práctica o centro de Santiago.
Faino cun concurso de ideas no que traballaron técnicos municipais e axentes externos para que os participantes non partan dunha “folla en branco”. Esta consulta foi presentada polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, acompañado polo concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e os xefes de servizo de Obras e Proxectos e Planeamento e Xestión Urbanística, Antonio Ranedo e Enrique Seoane, respectivamente.
Lestegás detallou que os tres obxectivos principais do novo modelo urbano ao que contribuirá este concurso son “mellorar o día a día das persoas e construír unha Compostela boa de vivir; garantir a sustentabilidade ambiental nun contexto de cambio climático que ameaza o futuro do planeta; e coidar a calidade dos espazos públicos, sabendo que ten efectos moi notables no benestar”.
O Conector Central da Cidade parte dende a Alameda e atravesa toda a Virxe da Cerca ata a contorna de San Caetano e ten un ámbito de actuación de preto de 43.000 m2 e 16 rúas e nós, e cinco tramos.
Iago Lestegás engade “É un espazo de oportunidade para avanzar cara a ese novo modelo urbano”. e explica que, actualmente o tráfico rodado “acapara demasiado espazo neste ámbito”, pero en “boa parte” a sección de rúa “é suficiente para resignar o espazo dispoñible de xeito que se favorezan outras formas de mobilidade e outros usos do espazo público”.
Debido ás diferenzas nos distintos tramos, o concurso formula que se busquen ideas “innovadoras e imaxinativas” para resolver o reparto do espazo co obxectivo de priorizar a mobilidade sustentable.
Acceder e atravesar
A proposta de circulación que se formula para o concurso é coherente co Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que en días pasados abordou o concelleiro Xan Duro, que confirmou a coherencia entre ambas cuestión, na liña de reducir o impacto ambiental do transporte e favorecer o uso compartido dos espazos públicos, “contribuíndo en definitiva a mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía”
Duro explicou que a rúa Virxe da Cerca é “unha das arterias centrais para a organización do transporte público, e conta con elementos atractores de mobilidade como a Praza de Abastos ou os centros de ensino da zona, e todas estas derivadas deben ser tidas en conta en calquera intervención”. Nese sentido, o edil incidiu en que o reto é “manter os servizos que precisa a cidade e garantir o seu correcto funcionamento, eliminando o carácter de circunvalación do viario”.
Iago Lestegás remarcou, neste sentido, que a proposta de circulación distingue dous conceptos, nos que fixo fincapé: “acceder e atravesar”. É dicir, poderase acceder a todos os puntos co vehículo pero non usar de “atallo” entre o Norte e Sur e viceversa. Si poderán circular no dobre sentido os autobuses de transporte colectivo (incluídos os autobuses escolares), de mercadorías e residentes e os vehículos de emerxencias.
O concurso parte da idea do “centrifugado” do tráfico cara ao exterior, un modelo que xa está en marcha noutras cidades para evitar o tráfico superfluo ou de axitación, de maneira que dúas rúas (Castrón Douro e a Rúa das Trompas) funcionarán como vectores de saída dos vehículos. En palabras de Lestegás, “trátase de superar o carácter de travesía urbana deste ámbito”.
E como dixo o concelleiro Xan Duro, esta saída de vehículos supón que “a rúa da Ensinanza será espazo libre de vehículos privados, salvo que sexan residentes”.
Permitirase o paso de vehículos motorizados particulares con orixe ou destino no propio ámbito de actuación, así como dos vehículos de carga e descarga ou servizos públicos como transporte, limpeza, emerxencias ou mantemento.
Con estas actuacións, o goberno local aspira a “reducir notablemente o número de vehículos no ámbito, sen impedir que aquelas persoas que necesitan acceder en coche poidan facelo”, en palabras do concelleiro de Iago Lestegás.
“Esta é a nosa visión de futuro para este ámbito, froito dun traballo técnico rigoroso”, indicou o concelleiro de Urbanismo, para matizar que serán “os equipos participantes os que deberán definir como se materializa e como se distribúe o espazo do xeito máis harmónico, eficiente e xusto”.
A xunta de goberno local deu luz verde este luns ao convenio entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que ten por obxecto establecer a colaboración entre o Concello e o Colexio, que se centrará na definición dos criterios técnicos de cada unha das fases do concurso, difusión do concurso e formar parte do xurado.
Criterios
O concelleiro Iago Lestegás explicou que os criterios para o concurso son, en primeiro lugar, a mellora da calidade urbana, con énfase na accesibilidade, seguridade e equidade; flexibilidade, versatibilidade e confort; e a dinamización do comercio de proximidade, un ámbito no que o goberno local está incidindo dende diferentes puntos da acción de goberno para favorecelo.
Tamén se inclúe o concepto do metabolismo urbano e sostibilidade, incluíndo a mellora da xestión do ciclo da auga, a incorporación de verde urbano e a racionalidade e eficiencia dos servizos urbanos; a materialidade (mellora da habitabilidade do espazo público, uso de solucións de baixo impacto ambiental, durabilidade dos materiais e utilización de mobiliario inclusivo); e o valor histórico (integración dos elementos patrimoniais e arqueolóxicos, mantemento e reutilización dos pavimentos de granito existentes no ámbito).
Outro criterio é o da circulación, coa busca do fomento do transporte colectivo e da mobilidade activa, a redución do número de vehículos particulares, calmado de tráfico e mellora da seguridade e da accesibilidade.
Fases do concurso
Nunha primeira fase do concurso, o xurado seleccionará entre as candidaturas que teñen que acreditar a solvencia técnica e económica e presentar unha proposta técnica. Nesta primeira fase, Iago Lestegás indicou que aspira a que se presenten o máximo número de candidaturas. O resultado desta primeira fase será a selección de cinco equipos que desenvolverán a proposta na segunda fase do concurso.
Na segunda fase, os equipos presentarán unha proposta a nivel de anteproxecto entre as que se seleccionará a proposta gañadora.