Santiago presenta o concurso de ideas que busca definir o modelo de conector central de Compostela e mudar o centro da cidade.

Calquera que viva en Santiago, ou na bisbarra e acuda á capital de cando en vez, sabe que todo o tramo que vai desde a Senra ata a Porta do Camiño e San Roque e o centro, caótico as veces, da mobilidade de Compostela.
Desde hai meses distintos expertos, tanto funcionarios do concello como outros alleos, traballan nos pregos dun concurso na procura de ideas novidosas sobre o centro da cidade. A unión de zona vella e nova, o espazo no que conviven varios colexios, a praza de abastos, museos e barrios referenciais como San Pedro.
Na presentación participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, o delegado en Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Ángel Cid, e o enxeñeiro experto en Mobilidade Fernando Nebot.

Conouse ademais coa asistencia dos concelleiros de Vías e Obras, Xesús Domínguez, e o de Mobilidade, Xan Duro, canda técnicos dos servizos implicados e membros do Consorcio. O concurso desenvólvese en dúas fases e conta cun orzamento de 170.000 euros (+ IVE) e cun valor estimado do contrato de 720.000 euros.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, dixo que se trataba do “ inicio dun proceso que marcará un fito na historia urbana de Santiago, que cambiará a relación do seu corazón histórico co resto de barrios e tecidos”.
Iago Lestegas, concelleiro de Urbanismo, explicou os obxectivos do novo modelo urbano son “mellorar o día a día das persoas que viven, traballan, estudan ou visitan a cidade; garantir a sustentabilidade ambiental nun contexto de cambio climático; e coidar do espazo público conscientes do impacto no benestar das personas”.
O ámbito do concurso abrangue máis de 45.000 m2. Lestegas explica que “conecta San Clemente e Santa Clara a través da cidade histórica Patrimonio da Humanidade incluíndo nodos moi importantes como a praza de Galiza ou a porta do Camiño e configura unha concatenación de espazos públicos con diferentes características, pero todos eles con moito potencial, que deben ser pensados como un conxunto”.
Os pregos foron redactados polos servizos técnicos municipais coa colaboración do COAG, en virtude do convenio asinado o 24/09/2024, ao que tanto a alcaldesa como o concelleiro agradeceron a colaboración. Na redacción dos pregos participaron tamén o arqueólogo Alejandro Parga Castro e o enxeñeiro Fernando Nebot Beltrán.

O concurso é coherente cos criterios establecidos en tres documentos estratéxicos municipais elaborados mediante procesos participativos: a Axenda urbana 2030, o Plan de mobilidade urbana e sostible e o Plan de accesibilidade universal.
Acceder si, atravesar non
O goberno defende que este ámbito deixe de funcionar como un atallo para desprazarse en vehículo particular de norte a sur ou viceversa. Lembrou, neste sentido, que gran parte do trazado coincide co antigo percorrido da N-550, que debe superar o seu carácter de travesía urbana para pasar a ser unha rúa ou, incluso, unha praza. Con esta idea, trátase de eliminar o tráfico superfluo ou de axitación, seguindo a máxima de acceder si, atravesar non, con excepcións (coma o transporte urbano, emerxencias, etc).
Tanto o delegado do COAG en Santiago, Ángel Cid, como o experto en Mobilidade Fernando Nebot coincidiron na “valentía” de abrir este proceso. “A resolución deste conflito leva tempo sendo o elefante na habitación no que a modelo urbano se refire. Está claro que nesas circunstancias o máis fácil é non facer nada, pero como cidadáns necesitamos que alguén teña a valentía de abrir este proceso de reflexión colectiva. Por este motivo, agora que por fin un equipo de goberno se atreve a dar o paso, non poderiamos deixar de apoialo”, expresou Ángel Cid en relación ao concurso, antes de apelar á pertinencia da “reflexión colectiva”.
Dúas fases
O concurso desenvolverase en dúas fases. A primeira, cunha duración de dous meses (ata o 17 de novembro) é unha fase aberta a todos os equipos que cumpran os requisitos de solvencia técnica e económica establecidos nos pregos, que deberán presentar unha proposta técnica inicial.
Desas propostas, o xurado elixirá as 5 mellores.
Eses 5 equipos serán convidados a unha segunda fase en que desenvolverán o traballo ata o nivel de anteproxecto. Finalmente, o xurado elixirá a proposta gañadora. Os equipos participantes nesta segunda recibirán unha compensación económica de 50.000 euros, no caso do gañador, e de 30.000 euros nos accésits (que serán os outros catro).
O concurso delimita cinco tramos que teñen características diferentes, pero que deben ser pensados cunha visión holística do funcionamento da cidade. Unha vez resolto o concurso, os pregos prevén a contratación da redacción dos proxectos básico e de ejecución dos tramos 2 e 3, considerados estratéxicos para a transformación da mobilidade na cidade e por iso se aposta por empezar por eles.
“Calquera persoa que percorra a Virxe da Cerca, a praza de Galiza, a rúa das Rodas, o Campo da Estrela… é plenamente consciente da problemática e do desafío que abordamos a través deste concurso. E estou seguro de que todo o mundo entende que é necesario actuar”, sentenciou.
Xurado
O xurado do concurso estará formado por: unha Presidencia, que ocupará un arquitecto/a de recoñecido prestixio designado polo Concello de Santiago e unha Secretaría, que ocupa o secretario do Concello. O resto serán vocais que inclúen: unha persoa técnica designada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta; un arquitecto ou arquitecta nomeado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG); a Xefatura de Servizo de Planeamento e Xestión Uranística do Concello de Santiago; e unha persoa enxeñeira de Camiños, Canais e Portos designado polo seu colexio oficial.
