Cristian Silva presenta en Compostela un disco marcado pola madurez e que segundo di o autor mestura ironía e furor baixo o título de “Un home tranquilo”.

O músico, compositor e produtor carrilexo Cristian Silva actuará na Sala Capitol o vindeiro domingo, 19:30 horas, dentro da xira do seu novo traballo discográfico, “Un home tranquilo” (2025).
Un álbum que en palabras de Cristian Silva, representa “a calma aparente que agocha un volcán interior”: unha paisaxe sonora profunda e reflexiva que pon voz e melodía á vida diaria dun músico, marcada pola madurez e un delicado equilibrio entre a ironía e o furor.
O disco “Un home tranquilo”
Un home tranquilo está concibido como unha viaxe sonora na que a gaita actúa como protagonista e fío condutor. Cada tema foi construído con minuciosidade, coma un cadro de múltiples capas, resultado dun proceso creativo longo e esixente tanto no musical como no psicolóxico.
As colaboracións achegan novas cores a un repertorio no que conviven sen fricción estilos como o pop, o folk-rock, o funk-jazz e a música tradicional galega. O álbum está deseñado para ser escoitado na orde proposta, revelando as distintas dimensións da mente creativa de Silva e das súas influencias.
O peche, Baño co leviatán, enlaza co seu anterior disco “Ego” (2025), simbolizando a viaxe desde a calma ata a loita interior para, finalmente, emerxer de novo á tranquilidade. Este traballo supón para o artista un afianzamento vital e profesional: un novo capítulo na súa traxectoria e unha forma de inmortalizar o seu son actual ao tempo que libera unha parte íntima de si mesmo.

O concerto na Sala Capitol
No escenario do Capitol, Cristian Silva subirá acompañado da súa banda —Suso
Iglesias (acordeón), Efrén Nóvoa (baixo), Miguel Anxo López (batería), Xosé Piñeiro (guitarra), Ana Fernández (pandeireta e voz) e Iria Iglesias (teclados)— ademais de el mesmo, que se encargará das gaitas, frautas, zanfona e voz.
O concerto contará tamén coa presenza dalgúns dos colaboradores do disco, que se irán desvelando nos vindeiros días. A cita promete unha posta en escena poderosa e envolvente, na que dialogan guitarras, sintetizadores, gaitas e frautas procesadas, todo arroupado por un coidado deseño visual que multiplicará a intensidade da experiencia.
