Compostela, 20 de abril do 2020 – O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio porán a disposición do empresariado un servizo de balde de información, asesoramento e intermediación para autónomos e empresas que necesiten acollerse a liñas de financiamento ou avais.
Estas liñas de financiamento ( ICO, IGAPE, SGRs, CDTI etc) son as publicadas para facer fronte ao impacto económico derivado do estado de alarma decretado polo Goberno Central para frear a expansión do Coronavirus Covid-19.
A través deste servizo ofrecerase de xeito coordinado información e recursos para o acceso das empresas de Compostela ás liñas de financiamento ICO, ás xestionadas pola rede cameral, e a outras fontes de crédito mobilizadas dende o Goberno e as propias entidades financeiras para o mesmo fin. Este asesoramento enmárcase no convenio asinado entre ámbalas dúas entidades, que agora se vai ampliar. Aos 50.000 euros contemplados no actual convenio coa Cámara, o Concello de Santiago suma outros 50.000 adicionais, no marco das medidas económicas contempladas polo goberno local para axudar ás empresas compostelás a saír da crise provocada polo COVID-19.
Trátase dun servizo de asesoramento persoalizado para que cada autónomo ou empresa poida acceder á liña de financiamento máis conveniente segundo as características do seu proxecto.
Por outra banda a Cámara de Comercio de Santiago está a pechar coas distintas entidades financeiras negociacións primordiais neste momento como son a non discriminación a autónomos polo seu CIRBE ou polo nivel de cliente coa entidade, así como garantir a non esixencia de condicións NON obrigatorias no convenio ICO: Unhas negociacións que tamén pasan por dar unha resposta áxil en prazos a todas aquelas empresas e autónomos que veñan da man da Cámara de Comercio de Santiago; como que se teña unha “chiscadela” nos diferenciais e que o tipo de interese a aplicar sempre sexa o máis axustado.
