Compostela, 19 de abril do 2024 – O segundo Composfest, promovido pola SD Compostela e o concello de Santiago dentro das festas da Ascensión, terá como convidados a Dios Ke te Crew, Boyanka Kostova e Cool Nenas.
A cita é o venres 10 de maio na praza da Quintana, a partir das 21 horas e de balde para o público. O Composfest foi presentado no Pazo de Raxoi por Pilar Lueiro, Concelleira de festas, Antonio López, Reitor da USC, Javier Martín, responsable da área de educación de LENOVO e Miguel Fernández, xerente da SD Compostela.
A concelleira Pilar Lueiro recordou que o Composfest concidirá un ano máis coas Festas da Ascensión, e será un evento gratuíto no que “unimos dúas paixóns compostelás: a música e o Compos” e “apostamos por artistas e agrupacións locais ou vinculados con Santiago”.
Boyanka Kostova, dúo santiagués pioneiro do trap na nosa lingua, mete na cocteleira a retranca galega, o folclore rexional e os ritmos tradicionais engadíndolle sons urbanos, contemporáneos e electrónicos que dan como resultado puro flow rural. Trap de aldea, pero universal. Unha verbena de pobo exótica na que os novos temas do dúo se alzarán como himnos o vindeiro dez de maio.
Como merecedora do título de banda máis emblemática do hip hop galego, o ComposFest contará no seu cartel con Dios Ke Te Crew que, tras dúas décadas cultivando temas de alto impacto, e facendo explosionar escenarios de todo o país, chega á praza da Quintana cun espectáculo electrizante no que a crew galega presentará novas creacións e repasará os éxitos máis destacados da súa prolífica traxectoria, nunha noite de música de balde con impronta compostelana.
E coma colofón festivo para a cita, Kimberley Tell, Dani Costas e a santiaguesa Maria Grep, unirán forzas no escenario baixo a súa fórmula COOLNENAS co particular Rave de debuxos animados co que están a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento aos que acompañan coreografías de enerxía pegañenta que contaxian rapidamente ao público.