Bisbarra, 20 de setembro do 2024 – Hoxe comezaron as obras do tramo da Vía Verde que unirá Compostela con, Tordoia, Oroso, Ordes e Cerceda.
Este tramo da Vía Verde Compostela Tambre Lengüelle terá un percorrido de 10 quilómetros que se sumarán aos 26 xa en funcionamento. Unhas obras que supoñen un investimento de 1,8 millóns de euros.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, visitou a antiga estación da Sionlla, onde arrincaron os traballos.
Ao acto asistiron tamén o deputado provincial Antonio Leira, os concelleiros de Medio Rural e Mobilidade, Pilar Lueiro e Xan Duro, representantes dos distintos grupos políticos da corporación municipal de Compostela e técnicos da Deputación e da empresa construtora.
A Vía Verde Compostela Tambre Lengüelle, que xa é a maior de Galicia, chegará aos 36 quilómetros en sendas para camiñar ou andar en bici sobre as antigas vías do ferrocarril.
Valentín González dixo que se trataba “dun día bonito. Incorporamos por fin a Santiago ao proxecto da Vía Verde, que pretende pór en valor un espazo que deixa libre esta vía férrea en desuso. Os tramos anteriores son moi valorados pola cidadanía e é lóxico, xa que esta intervención sobre todo fomenta a práctica do deporte e o contacto coa natureza”.
O presidente provincial tamén quixo destacar a importante labor de colaboración entre institucións: “Foi fundamental a convicción da Deputación de levar a cabo a Vía Verde, a convicción dos cinco concellos e de Santiago de incorporarse, que é a parte máis complexa porque esta actuación conta dous túneles e esixe un importante acondicionamento”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou desde o Concello que dirixe non podían máis que “congratularse” neste “magnífico día”. “Como di o presidente, damos inicio a un proxecto polo que moitas persoas levan traballando tempo e que significa a posibilidade de ampliar infraestruturas que son deportivas e de natureza”.
Para Sanmartín, “este é un xeito de pór en valor outras zonas de Santiago”. “A xente acaba coñecendo o centro histórico, que é espectacular. Pero Santiago ten moito máis. Por exemplo, un magnífico rural con moitos quilómetros con edificios singulares como esta estación ou paisaxes estupendas que esperamos que, dentro de pouco, a xente comece a gozar delas grazas a esta obra”, engadiu..
Unha primeira actuación de 2,2 quilómetros
Este primeiro tramo terá unha extensión de 2.200 metros e vai desde a citada estación da Sionlla ata o PK 2+200. Contará cun investimento de 826.756 euros, dos que 527.969 euros (o 63,9%) son achegados pola Deputación da Coruña e os restantes 298.787 euros polo Concello de Santiago.
Despois deste primeiro tramo da Vía Verde en territorio de Compostela desenvolverase nos vindeiros meses unha segunda fase, de 8 quilómetros de lonxitude, que discorrerá do punto quilométrico 2+2 ao 10+200. Estes futuros traballos contan cun orzamento de 1.012.000 euros para completar os citados 1,8 millóns de euros. Deste importe destinado a segunda fase, a Deputación achegará máis do 56% (570.983 euros) e o Concello un 14,10% (142.273 euros).
A cantidade restante será financiada polo Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Dito recoñecemento concedido polo Goberno de España tras a presentación do proxecto por parte da Deputación da Coruña permitirá non só financiar a infraestrutura, senón tamén accións como a execución de áreas de descanso con pérgolas axardinadas, un mapa virtual con recursos de turismo gastronómico, feiras para impulsar produtos locais e instalacións de fontes de auga e áreas de carga de bicicletas eléctricas.