Compostela, 3 de maio do 2024 – Libres de compromisos electorais a colaboración entre o concello de Santiago e a Xunta de Galicia comeza a fluír e concretan os primeiros pasos arredor do conflito do clínico.
Finalmente concello e Xunta acordaron definir un protocolo que, ademais de desbloquear o aparcadoiro, atenda á ordenación urbana do Clínico. O acordo inicial douse nunha reunión mantida na tarde de onte xoves na que participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e os novos responsables dos departamentos autonómicos de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Na xuntanza tamén participaron os concelleiros de Mobilidade, Xan Duro, e de Urbanismo, Iago Lestegás.
O protocolo de actuación pecharase nas vindeiras semanas. Terá como primeiro paso a contratación da redacción dun proxecto de interese autonómico (PIA). Este proxecto definirá a ordenación da contorna do novo aparcadoiro.
Outro dos puntos de fricción, o financiamento, concretase na aportación dun 80% por parte da Xunta e un 20% por parte do concello. Da nota emitida polo concello de Santiago parece exisitir un acordo nas aportacións materiais realizadas por ambas as dúas administracións ata o momento. O concello habilitou 151 prazas ao carón do CIMUS e a Xunta 141 para os traballadores, o que ven sendo un empate técnico.
Mantense a aportación autonómica para actuacións de saneamento e abastecemento, que alcanza os 3,5 millóns de euros. Con estes novos marcos máis concretos a resolución dos problemas de tráfico na contorna do clínico teñen un horizonte máis despexado aínda que polo momento afstado.
Avances nas obras en curso
Ao mesmo tempo que concello e Xunta traballan no tráfico e nos aparcamentos as obras do novo edificio de ampliación do Clínico van a bo ritmo. No futuro edificio “C” xa se rematou coas escavacións, baleirado e demolición de muros e trabállase na cimentación. O investimento en este novo espazo é de 70 millóns de euros.
Tamén comezaron xa as obras do Centro de Protonterapia, ás que destina un investimento autonómico de preto de 20 millóns de euros.