Compostela, 4 de xaneiro do 2024- Ao igual que todo o mundo debería unha vez ao teatro, ao cine ao a un concerto, todos deberían polo menos unha vez na vida ao circo.
Onte o Circo do Sol realizaba a premiere en Compostela de OVO, o seu novo espectáculo. A posibilidade de desfrutalo mantense ata o domingo día 7, unha oportunidade única de recuperar o circo da nenez.
Non se pode negar que o custo de acudir ao Circo do Sol é alto pero o certo é que o que se paga vale ata o último céntimo de euro se non máis. Ovo recupera o circo máis tradicional, o que interactúa co público, o que fai rir con bromas máis vellas que o mesmo espectáculo, o que deixa sen alento ao espectador.
Lindeiros puido falar con algúns mozos de vinte tantos anos que nunca foran ao circo e todos quedaron sorprendidos, mesmo os que acudiron sen moito ánimo. OVO encaixa en moitas das afeccións das novas xeracións. Non é só a referencia ao medio ambiente, tamén é un mundo de banda deseñada, de maquillaxes, de luces e color; podería ser un xogo indi no que o protagonista decide entre o seu ben máis prezado ou o amor.
A posta en escena é impecable. Unha montaxe de doce horas para un espazo escénico que ten todas as características dos grandes teatros e as aproveita ao cen por cen. Desde as proxeccións ata as luces, dun impecable son en directo a unha sutileza no cambio de aparellos que acaba por sorprender ao espectador.
Tivemos tamén a oportunidade de falar con algúns dos artistas, Todos teñen unha característica en común: querían formar parte do Circo do Sol desde moi cativos. Falan do circo como dunha familia e desfrutan cada unha das horas nas que están ensaiando ou actuando. Un exemplo de multiculturalidade porque son cen persoas de 25 nacionalidades distintas.
OVO e un regreso a infancia e se un non a tivo moi boa, polas razóns que foran, unha oportunidade de gardar unha lembranza de cativo sendo maior. É doado saír querendo ser o trapecista ou o pallaso, con gañas de comprar un diábolo ou, tamén hai que dicilo, pensando que temos que facer máis exercicio.
Se tedes a oportunidade de acudir a OVO non a deixedes pasar, non hai tantos momentos para soñar cando es maior e afastarse da realidade de cando en vez é o mellor ansiolítico que ides atopar.