Esta semana as películas que se proxectarán na Alameda Compostelá devolverán a máis de un a sú adolescencia xa que todas pertencen á década dos 80’

Se seguen as calores sen dúbida saír ao Caer a tarde e achegarse á Alameda de Compostela é unha boa opción e moito máis se podemos ver clásicos dos 80’ en pantalla grande. É unha das propostas recorrentes nos orzamentos participativos así que o público está garantido.
Hoxe comeza este ciclo denominado “Cine baixo as estrelas de verán” e faino co grande Robín Willians protagonizando “O club dos poetas mortos”, imprescindible viva un na década que viva. Hai que dicir que as películas foron elixidas nunha votación aberta nas redes sociais da Concellaría de Xuventude.
Mañá martes proxectarase outro clásico, “ET”, e o mércores será a quenda de “Gremlins”. O xoves poderase ver “A morta séntavos tan ben”, e o ciclo pecharase o venres con “Os Goonies”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, salientou que este ciclo “permitirá ver na pantalla grande algúns dos grandes clásicos familiares cos que medramos na década dos 80, e esta será unha gran oportunidade para rememoralos en moitos casos cos nosos fillos e fillas”. Todas as proxeccións serán no paseo central da Alameda, a partir das 22.30 horas, e a participación é aberta e gratuíta.
O ciclo de cine ao aire libre foi unha das propostas máis votadas no proceso dos Orzamentos Participativos da área de Xuventude, no que os mozos e mozas decidiron o destino de 100.000 euros do presuposto municipal. O proxecto máis apoiado ten tamén que ver co cine ao aire libre, aínda que cunha proposta pensada para difundir o traballo dos novos e novas creadoras, xuntando o audiovisual con concertos ao vivo.
Outras das propostas seleccionadas foron un torneo de fútbol 7, unhas xornadas de difusión do voluntariado no Refuxio de animais de Bando, concertos gratuítos de artistas actuais, cursos teórico-prácticos de primeiros auxilios, ou un festival de música urbana, con concertos, shows de break dance ou exhibicións de freestyle.
Na votación das propostas participaron preto de 1.400 mozos e mozas, un 20% máis que na anterior edición dos Orzamentos Participativos de Mocidade.
