Compostela, 12 de decembro do 2024 – A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dou a coñecer no Culturgal a programación de Nadal da Cidade da Cultura.

Aproveitando a mostra Unha vida viquinga, a Cidade da Cultura inspírase este ano nos festexos do Yule nórdico para recrear no museo un pequeno poboado viquingo que acollerá obradoiros infantís de xoiaría ou tatuaxes temporais con runas.
No que respecta ao programa familiar da Cidade da Cultura para este decembro, unha das súas propostas centrais é o Gran Circo de Nadal de La Fiesta Escénica. A compañía galego-arxentina presentará o 27 de decembro os seus novos elefantes e osos polares animatrónicos.
O espectáculo, que estrea no Gaiás a súa xira desta tempada, convida a redescubrir en familia a maxia do circo clásico con acrobacias aéreas, música, coidadas coreografías e o selo de calidade dunha compañía de recoñecemento internacional, que xa acadou grande éxito de público en España, Francia ou Alemaña.
Xa o sábado 4 de xaneiro, a Cidade da Cultura acollerá un concerto especial de Nadal da Gramola Gominola, unha das bandas actuais de música en galego máis queridas polo público infantil e que vén precisamente de lanzar novo disco.

Composta por Paco Cerdeira (Pakolas), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (S4N7, Nebra, Wealman), a súa proposta desenfadada de rock&roll en galego para público miúdo pon a bailar a públicos de todas as idades.
Realidade virtual, obradoiros e música
O Nadal no Gaiás volve acoller este ano a experiencia de realidade virtual do Galiverso de Nadal, da que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, entrando virtualmente na casa do Apalpador para fisgar como vive esta figura do Nadal galego.
Esta proposta interactiva ofrece unha experiencia adaptada para nenas e nenos a partir de 6 anos, cunha duración reducida atendendo ás recomendacións de uso da realidade virtual a idades temperás. A experiencia é gratuíta, previa reserva de praza en Ataquilla.com ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.
Tamén a Biblioteca de Galicia se suma á programación cun espectáculo musical de teatro e panxoliñas, o sábado 14 de decembro, e un obradoiro de monicreques a cargo de Títeres Babaluva, o 21 de decembro.
Ademais, e na liña dos últimos anos, o complexo do Gaiás quedará ambientado no seu exterior cun deseño de luces visible desde diversos puntos da cidade de Santiago, permanecendo desde o día 3 decembro ata o día de Reis, o 6 de xaneiro.