A Central Folque volve encher de música tradicional os Centros Socioculturais co ciclo “No Campo de Fóra”
Santiago de Compostela e A Central Folque organizan un ano máis “No Campo de Fora”, un ciclo de concertos e actividades ao redor da música tradicional que chegará a oito centros socioculturais. No programa participan os departamentos de Acción Cultural e Centros Socioculturais.

“No Campo de Fóra” comeza este sábado, 10 de maio, cunha proposta de música antiga, a actuación de Pres de Cambrai no CSC Maruxa e Coralia, a partir das 12.00 horas. Xa no luns, 12 de maio, María Faltri e Berto Rodríguez ofrecerán un concerto participativo sobre as cancións tradicionais galegas “Coa pandeireta na man”. Será no CSC do Romaño, a partir das 19.00 horas.
O venres 16 de maio “No Campo de Fóra” chega ao CSC de Nemenzo, cun obradoiro de percusión galega para público familiar a cargo de Carlos Freire; mentres que o centro sociocultural das Fontiñas acollerá un espectáculo de títeres, o clásico “O galo Quirico” de Títeres Seisdedos.
Será o 19 de maio. A música volverá ser protagonista do ciclo “No Campo de Fóra” o día 21 de maio, no CSC da Trisca, coa actuación de Xosé Luis Rivas “Mini”, e para o día 23 de maio está previsto o concerto da metra e investigadora Isabel Rei sobre a guitarra galega no CSC de San Xulián de Caraballal.
Xa en xuño, o ciclo rematará con dúas propostas: o día 5 o local sociocultural do Eixo acollerá o espectáculo de narración oral “Bailen as vellas. O conto das cereixas” con Atenea García e Vero Rilo; e o día 6, o músico portugués César Prata actuará no CSC de Santa Marta, cunha proposta co repertorio de José Afonso.
Paseos musicais
O ciclo “No Campo de Fóra” inclúe tamén os “Paseos musicais”, roteiros especializados sobre o patrimonio musical da cidade para entender os contextos e lugares. O primeiro deles será o martes 27 de maio, guiado por Paulina María, especialista en músicas medievais.
O segundo será o martes 10 de xuño, co músico e investigador especialista na música pop Alfonso Espiño. Os paseos están ideados como “conferencias en movemento para público reducido e curioso”.
Todas as actividades do programa “No Campo de Fóra” son de balde. Para os paseos é preciso facer a preinscrición previa na web folque.com.