Compostela ábrese a un novo ciclo de concertos que leva por título Fiestra Aberta. De marzo a maio seis concertos ocuparan o Auditorio de Galicia e o Teatro Principal.
A dicir da concelleira da Capital Cultural, Miriam Louzao, o programa convida á reflexión ““deter o ruído, abrir un limiar e mirar, e escoitar, o mundo desde aquí, desde Santiago de Compostela, en diálogo co exterior”.
A programación presenta os novos proxectos de Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo. As entradas para todos os eventos estarán dispoñibles encompostelacultura e na Zona C. Fiestra Aberta é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago

Louzao, presentou na compaña de Antía Muíño e Su Garrido Pombo este ciclo inspirado simbolicamente na fiestra aberta que, coas súas últimas palabras, demandaba Rosalía de Castro.
Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións.
O ciclo insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura de Rosalía de Castro e coa súa proxección como referente cultural europeo.
A dicir de Louzao, Fiestra Aberta proponnos “un lugar desde o que ollar o mar de diversidade que nos arrodea, un espazo para abrirse, compartir e escoitar sen présa”, reivindicando a música como territorio de vulnerabilidade, emoción e pensamento.
Un mapa de voces e resonancias
O ciclo abrirase o 5 de marzo, ás 20.30 h, no Teatro Principal, coa presentación de Anfibia Por Veces de Antía Muíño, un segundo disco no que a artista continúa continúa a pór a canción no centro.
Entre a música de raíz e o jazz-pop, a intimidade das súas autorías dialoga co pulso do canto e da percusión tradicional, consolidando esa linguaxe propia que a situou como unha das revelacións da nova canción galega.
O 21 de marzo, ás 20.00 h, no Auditorio de Galicia, será a quenda de SÉS, que presenta Nadando na incerteza. Un traballo que aposta pola esencialidade da canción, afastándose de artificios, cun directo próximo e profundamente expresivo no que a voz e a palabra adquiren un protagonismo central.
O 11 de abril, ás 20.30 h, no Auditorio de Galicia, actuará Rocío Márquez, figura clave do flamenco actual. Acompañada pola guitarra de Pedro Rojas-Ogáyar, presenta Himno vertical, unha proposta que reformula o réquiem desde unha dimensión ritual e colectiva, na que vida e morte se entenden como partes dunha mesma danza sonora.
O 22 de abril, ás 20.30 h, no Teatro Principal, chegará Amorodios de Xan Campos, un traballo que supón un punto de inflexión na súa traxectoria ao incorporar a voz e a palabra da man de Faia Díaz, xunto a Iago Fernández e Virxilio Da Silva. Unha proposta viva, honesta e profundamente transformadora.
O 3 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, Pablo Sanmamed presentará A estrela mostrada, un proxecto que retoma o diálogo entre música antiga e jazz contemporáneo, inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais. Unha viaxe sonora de gran forza emocional, na que o pasado se revela como materia viva que resoa no presente creativo.
O ciclo pecharase o 29 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, con Traspielas de Su Garrido Pombo, unha proposta multidisciplinar xunto a Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal. Música, palabra e imaxe combínanse para celebrar a memoria colectiva dunha aldea, mesturando cancións tradicionais, electrónica, experimentación e materiais audiovisuais actuais e de arquivo.
