Compostela, 24 de xaneiro do 2023 – Pese aos intentos do goberno municipal de Santiago de pechar a crise aberta pola dimisión do concelleiro José Manuel Pichel o tema camiña cara aos xulgados.
O Partido Popular ten a intención de levar o caso do alugueiro da nave ao fiscal. O Psoe ameaza pola súa banda con querelarse polas declaracións dos populares. Mentres o BNG abre o abano de implicados xa que , ademais de Pichel, preguntará no pleno a Mila Castro polo alugueiro da nave.


A última hora da mañá de este luns o Partido Popular convocaba unha rolda de prensa “urxente e extraordinaria” na que participaban o voceiro no concello, José Antonio Constenla, e o candidato e Deputado Borja Verea. Anunciaban o traslado aos servizos xurídicos do partido toda a documentación para que sexa presentada ante a Fiscalía Anticorrupción.
Borja Verea aseguraba que “o alcalde socialista é o culpable deste espectáculo esperpéntico, o alcalde Bugallo e o seu Goberno de concelleiros que, en poucas horas, acumulan mentiras, contradicións e insultos, antes de ser arrasados pola realidade”. Verea chegaba na rolda de prensa a falar de “trama organizada coa finalidade de desviar fondos”
Como resposta a esta rolda de prensa o Psoe anunciaba que tomarán “as accións legais necesarias para defender a honorabilidade do seu grupo ante o que considera unhas acusacións inconsistentes, sen motivación nin fundamento real”. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, invitaba a Verea a deixar o aforamento que ten como parlamentario e lembraba que está implicado nun xuízo aberto pola concesión de dous millóns e medio de euros a El Correo Gallego
BNG e Compostela Aberta
Ao mesmo tempo o BNG de Santiago presentaba onte unha serie de preguntas que levará ao pleno municipal de este xoves. Os nacionalistas queren saber si a nave reúne os requisitos xa que non atoparon un informe de riscos laborais; si o alcalde era coñecedor dos feitos dado que José Manuel Pichel era unha persoa da súa confianza e piden ademais que se paralicen os pagos á empresa que alugou a nave ata que se aclare todo.
Compostela Aberta, que destapou o caso nun primeiro momento, segue tamén demandando datos e aclaracións e levará ao pleno distintas cuestións relacionadas con este tema.
A portavoz de CA, María Rozas, pedía estes días ao exconcelleiro e ao alcalde “que abandonen o vitimismo e que expliquen se Pichel aínda tiña participacións en Desproi o 3 de setembro, na visita que se fixo á nave cinco días antes de ter redactado o informe que definía as características do inmoble a alugar”. Rozas pregunta ademais se foi casual que o contrato con Desproi non se asinara ata o 1 de outubro, cando o traslado dos servizos municipais se fixo o 15 de setembro.