Compostela, 18 de novembro do 2024 – A Campaña Do 25N Do Concello de Santiago pon o foco no negacionismo e o silencio cómplice e pide mirar de fronte ás violencias machistas.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presentou a campaña con motivo do 25N, facendo un chamamento para posicionarse contra as violencias machistas. Baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, a iniciativa encherá as rúas de anuncios e mensaxes visuais con imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello.
Sanmartín afirmou que este ano “deixa un forte impacto” polas cifras de violencia machista que contabilizan en Galicia catro feminicidios: en marzo o de Andrea Yturry, de 25 anos;
en agosto o de Mercedes Ríos , de 74 anos; en outubro o de Fadoua Akkar, de 46 anos; e esta pasada fin de semana o de Estela Blach, de 36 anos, en Baiona.
A alcaldesa, quen ostenta directamente as competencias municipais de igualdade, destacou
que a campaña, baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, apela “a atención de toda a sociedade”, xa que “todas as persoas teñen na súa man o poder de actuar fronte á violencia machista”.
O lanzamento desta campaña por parte do Concello dáse nun momento no que se está a producir un crecemento do negacionismo e de cuestionamento do compromiso na loita contra as violencias machistas, para pór o foco na importancia de implicarse activamente e deixar de ser parte do silencio que perpetúa a inacción e, por tanto, a violencia.
Esta iniciativa, tamén subliña a necesidade de intensificar os traballos na prevención da violencia machista e de fomentar a educación en igualdade, áreas nas que está comprometido a concentrar esforzos “nun ano que nos sacode coas cifras de feminicidios” ou o mediático xuízo de Gisele Pelicot, unha muller que deu “un valente paso erguendo a voz por ela e por todas as mulleres que sofren violencia”, destacou a rexedora. Neste senso, destacou que é preciso que a sociedade se “remexa contra a inacción” e “recoñeza que non actuar fronte a violencia machista é tamén unha forma de complicidade”.
Campaña
Baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, a campaña articúlase arredor do concepto da responsabilidade compartida, destacando que mirar cara a outro lado tamén é unha forma de violencia. A través de impactantes anuncios e mensaxes visuais por toda a cidade, a campaña representa imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello, acompañados de frases que convidan á reflexión sobre a inacción cidadá, como “ISTO NON VAI CONTIGO…, DUBIDO MOITO QUE POIDAS FACER ALGO…, SEGURO QUE NON PODES FACER NADA… e facendo alusión á cifra reflectida no recente Barómetro Xuventude e Xénero 2023 de Fad Xuventude, que revela que un 23,1% da mocidade española de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero non existe e que é un “invento ideolóxico.”