Compostela, 10 de setembro do 2020 – O Partido Popular de Santiago ven de criticar a “imaxe bochornosa” das medidas contra o Covid nos autobuses urbanos da cidade.
O Grupo Popular denuncia a situación que se da en moitos autobuses de Santiago nos que os dispensadores de xel hidroalcohólico están suxeitos con cintas adhesivas de embalaxe. Según os populares “este proceder á hora de adoptar medidas de seguridade neste servizo, fundamental para a cidadanía e exposto aos riscos de contaxio epidemiolóxico, ademais de provocar unha vergonzosa imaxe para a cidade, fai que se poidan poñer en dúbida as accións que se están a desenvolver para o cumprimento dos protocolos establecidos neste tipo de servizos”.
O grupo presentará unha iniciativa no vindeiro Pleno municipal instando ao Goberno a que revise e mellore as medidas adoptadas para reforzar a seguridade e a hixiene sanitaria na frota de autobuses municipais, ao tempo que solicita información sobre a inclusión de medidas anticovid no novo prego de licitación do servizo de transporte público.
O Grupo Popular de Santiago lembra nun comunicado as palabras do actual concelleiro de Mobilidade nunha sesión plenaria do pasado mandato (xaneiro de 2018), cando nunha iniciativa sobre a mellora deste servizo afirmaba, na súa daquela condicións de concelleiro da oposición, que os pregos do contrato obrigan a “cumprir coas condicións de índole hixiénico-sanitaria, que en todo transporte colectivo de viaxeiros son esixibles, mantendo o exterior e interior dos vehículos co mellor estado estético posible”.

