Compostela, 18 de xullo do 2022 – A Xunta de Goberno de Santiago ven de aprobar as bases dos bonos “Corazón Compostela Praza de Abastos” dentro do programa de incentivación do consumo.
O prazo para os comercios que se queiran sumar a esta campaña de bonos xa está aberto. O uso de estes bonos estenderase ata o vindeiro 31 de agosto. O concello aporta 30.000 euros que sumados á parte que poñen os consumidores suporá un gasto no mercado de 75.000 euros.
O obxectivo, ademais de incentivar o consumo na praza de abastos, é promover as compras de bens e servizos, mellorar a capacidade de manobra do comercio e reducir o impacto económico derivado da crise sanitaria.
Establécense tres modalidades de bonos, todos con IVE engadido: de 75, 50 e 30 euros. Igual que os anteriores, os bonos “Corazón Compostela” e os “Bonos Corazón Concheiros-San Pedro”, estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.
Terá a consideración de bono desconto para as compras e consumos realizados nos establecementos adheridos. O seu importe irase reducindo, ata o seu esgotamento, podendo imputarse a un ou varios actos de compra ou consumo. A entidade colaboradora é Abanca. Precisamente, nesta Xunta de Goberno, deuse conta da sinatura do convenio.
Os establecementos que desexen adherirse ao programa bonos “Corazón
Compostela Praza de Abastos” deberán rexistrarse a través da web de bonos corázon. Poderán adherirse ao programa os establecementos comerciais retallistas e hostaleiros que teñan a súa sede de actividade na Praza de Abastos de Santiago de Compostela e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
Os comerciantes e hostaleiros adheridos recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.
En canto as persoas usuarias, tamén poderán descargar os bonos na mesma web, indicando a información requirida. Coa presentación da solicitude os usuarios asumen o compromiso de trocar como mínimo o 60% do valor do bono, que se corresponde coa parte financiada polo usuario, é dicir, de achega propia.
A entidade colaboradora validará que a solicitude se realice consonte os requisitos e da forma establecida nesta convocatoria. Tras dita validación, e verificada a achega do cofinanciamento por parte da persoa solicitante, esta estará habilitada para a descarga do bono correspondente. O bono terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.
É a terceira vez que o concello de Santiago emite uns bonos de dinamizacion comercial destas características. Os anteriores foron os Bonos Corazón Concheiros, tamén por 75.000 euros (30.000 aportados polo Concello), e estiveron operativos para a clientela dos comercios e os locais de restauración da zona de Concheiros-San Pedro, entre o 11 de marzo e o 31 de maio de 2022.
Os primeiros que se puxeron en marcha foron os Bonos Corazón Compostela, en setembro de 2021. En total, repartíronse máis de 20.000 bonos a través dun programa que mobilizou 1,5 millóns de euros, dos que o Concello de Santiago achegou 600.000 euros.