Compostela, 4 de novembro do 2022 – Santiago de Compostela aprobou en xunta de goberno local unha nova convocatoria de Bonos Corazón dotados cunha partida dun millón douscentos cincuenta mil euros.
O programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería local, Bonos Corazón Compostela na súa denominación máis coloquial, contemplan tres modalidades (75, 50 e 30 €). Están cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.
Desde o equipo de goberno explícase que o obxectivo dos Bonos é dobre. Por unha banda incentivar a demanda axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo no comercio e hostalería de Santiago. Por outro lado impulsar e fortalecer o sector comercial retallista e hostaleiro do municipio; dinamizar a actividade económica promovendo as compras de bens e servizos; e reducir o impacto económico da crise que afecta ao sector.
Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos, podendo escoller libremente entre calquera das tres modalidades de bonos dispoñibles, ou máis dun bono da mesma modalidade.
Para a solicitude e obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web https://www.bonoscorazoncompostela.gal, indicando a información nome e apelidos, localidade, DNI, contacto, etc.
O bono terá a consideración de “bono desconto” para as compras e consumos realizados nos establecementos adheridos. O importe irase reducindo ata o seu esgotamento, podendo imputarse a un ou varios actos de compra ou consumo.
O período de validez dos bonos será ata o 10 de decembro de 2022 salvo esgotamento previo do seu saldo. Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará. A caducidade do bono leva consigo a perda da totalidade do saldo remanente non consumido, sen poder instar a súa devolución.