A campaña de apoio ao comercio local amplíase a dúas convocatorias, a primeira xa no mes de maio, e os Bonos Corazón disporán de máis orzamento.

Compostela renova a aposta polos Bonos Corazón, unha campaña de apoio ao comercio local que ten éxito na cidade e en outros concellos con distintos formatos e nomes. Trátase dunha inxección directa na economía familiar que acaba no pequeno comercio xa que as grandes superficies quedan excluídas.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, explicou que “atendemos así unha demanda do sector, co obxectivo de dinamizar o comercio nas dúas épocas do ano nas que adoitan baixar as vendas”. A segunda fase do programa volverá ser en outubro.
A Xunta de Goberno aprobou este luns a convocatoria do procedemento de concorrencia para a selección da entidade colaboradora para a entrega e distribución das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalaría local, a través dos Bonos Corazón Compostela 2025.
É o primeiro paso para a posta en marcha da campaña, que conta cun orzamento total de 600.000 euros que se distribuirán en dúas fases: a primeira a comezos de maio e a segunda en outubro. Na edición de 2024, os Bonos Corazón contaron cun orzamento de 450.000 euros, e mobilizaron un volume de vendas de case 1,5 millóns de euros.
Os establecementos adheridos á campaña foron 552, e repartíronse 22.500 bonos, que foron adquiridos por un total de 8.780 persoas. Estes datos demostran, incidiu María Rozas, que os Bonos Corazón “compren o seu obxectivo de dinamizar os negocios locais e dar a coñecer, diante de nova clientela, a calidade do noso tecido comercial de proximidade fronte á auxe das compras online e das grandes superficies”.