Compostela, 1 de setembro do 2022 – O BNG levará ao pleno do concello e do Parlamento de Galicia sendas iniciativas co obxectivo de frear a liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto.

A voceira nacionalista en Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou que as iniciativas teñen como obxectivo a modificación do trazado que atarvesaría O Souto “Trátase dunha zona de riqueza patrimonial, natural e paisaxística que se debe preservar e este proxecto, tal como está previsto, pode provocar danos irreversíbeis cando existen outras solucións alternativas que non agriden este espazo”.
O BNG súmase, deste xeito, ás reivindicacións da Plataforma pola recuperación do Sar e demándalle ao alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, que tramite ante a Xunta a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que foi aprobada en Pleno en xullo e en novembro de 2019, e que presente alegacións para salvagardar este espazo.
Goretti denuncia a actitude do equipo de goberno coas decisións que toma o pleno do concello “Esta é unha mostra das consecuencias do abstencionismo do PSOE nos plenos, pois foi unha iniciativa aprobada en dúas ocasións, que logo o alcalde non tramitou e agora con esta figura podería protexerse de xeito administrativo este espazo natural sen ter que presentar alegacións ante este proxecto de liña de alta tensión”.
Tamén destaca a necesidade de protexer un espazo que conta con carballos e castiñeiros centenarios, flora e fauna singulares, ademais de elementos etnográficos e arqueolóxicos “É unha paisaxe conformada durante centos de anos, de enorme valor, e a falta de acción pode causar a súa destrución se permiten o paso desa liña de alta tensión por este emprazamento natural”.
Os nacionalistas aportan unha solución alternativa ao proxecto exposto “O BNG defende que o trazado desta liña de alta tensión pode discorrer en paralelo á autovía e realizarse de forma soterrada, como fan cando atravesa o Camiño de Santiago, de xeito que cause o menor dano ambiental e impacto visual posíbeis”, explicou Goretti Sanmartín.
