Compostela, 25 de abril do 2023 – O BNG de Compostela pide que se abra unha investigación sobre o tratamento do lixo na cidade e a mestura de residuos de distintos colectores.
Os nacionalistas consideran a xestión do lixo pola concesionaria demostra a necesidade de exercer un control máis estrito sobre as empresas que xestionan os servizos na cidade.
A voceira municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladou á Xunta de Portavoces a solicitude de investigación. Esta ven motivada polo contido dun vídeo difundido nas redes sociais no que se ve como mesturan distintos tipos de residuos procedentes de colectores amarelos, verdes e azuis no mesmo camión de transporte.
Sanmartín advirte que “É necesario un cambio urxente na xestión municipal e un control da empresa concesionaria de residuos”. Engade que “logo de facer campañas de sensibilización para que a veciñanza deposite os residuos nos colectores correspondentes, resulta un fracaso por parte da empresa concesionaria que despois xunte papel, plástico e demais restos para o seu transporte”.
O vídeo foi gravado en en Salgueiriños cos colectores portátiles que se instalan na Cidade histórica. Para o BNG é “evidente da necesidade de controlar as empresas concesionarias de servizos municipais e, neste caso, a de recollida de lixo doméstico que vén de gañar un concurso adxudicado por 94,5 millóns de euros”.