Bisbarra, 18 de xuño do 2024 – Desde hoxe o territorio de Compostela e O Barbanza será o escenario das manobras militares Eagle Eye 24 02, que onte foron presentadas no aeródromo militar de Lavacolla.

A utopía dun mundo sen exércitos segue lonxe, e vendo o sucedido nos últimos dous anos aínda máis, polo que os militares teñen que seguir en “estado de revista” polo que poda suceder. Para ser xustos o traballo que realiza a Unidade Militar de Emerxencias ou as unidades que cada verán loitan contra os lumes salvaron moitas vidas e ninguén querría que desapareceran.
As manobras Eagle Eye son exercicios anuais, que se realizan en dúas ou tres ocasións en distintos lugares do estado, que teñen como obxectivo practicar a coordinación dos tres exércitos. En este caso Compostela, Lousame, Noia e Mazaricos serán os concellos nos que sucederán os feitos.



Xunto a unidade de de Defensa Antiaérea do Grupo de Artillería 1/74 estará na costa a fragata F-101 Álvaro de Bazán e 6 avións Eurofigther Typhooo da Ala 11 do exército do aire. En total máis de 1500 militares implicados na simulación dun ataque e a consecuente reacción.

24 horas antes de que se produza dito ataque os papeis son asignados. Unha parte dos avións serán e “inimigo” e o resto, coa colaboración de todos os efectivos, terán que responder. Na rolda de prensa os mandos explicaban a necesidade de que o exército estea preparado en todo momento para que se en algunha ocasión isto se converte en realidade se actúe de forma eficaz.
O exército cambiou moito e os seus mandos tamén. Hoxe afrontan os encontros cos medios de comunicación dun xeito profesional, abertos a responder todas as cuestións e mesmo interesándose posteriormente por coñecer un pouco máis aos xornalistas. En Lindeiros entrevistamos ao que en aquel momento era o responsable do aeródromo militar, Manuel Muñoz Mompó, nunha agradable conversa que podedes escoitar aquí.

Como dicíamos o traballo coa sociedade civil non precisa de ser “branqueado” xa que é ben coñecido e aquí, en concreto, todos lembramos aos que marcharon loitando contra o lume. Hoxe o exército está máis cerca dos caraveis portugueses que de asaltos a institucións, mentres a utopía dun mundo sen exércitos siga sendo iso, utopía, non está mal coñecelos un pouco máis.