Compostela, 18 de novembro do 2022 – Cativos, e non tanto, teñen unha cita este domingo no Auditorio de Galicia coa Banda Municipal de Música de Santiago e o espectáculo “Son de contos”.
A banda e a Asociación Amigos da Ópera de Santiago organizan este “Son de contos” no que a formación pon música a tres obras da literatura infantil, narradas pola escritora Ledicia Costas, con coros do Terra A Nosa e voz da soprano Clara Planas.

“Son de contos” é un espectáculo de balde pero é convinte realizar a reserva no despacho da Zona C (Praza de Cervantes) ou na plataforma dixital compostelacultura.gal. Tamén se admitirá, ata completar aforo, a entrada de persoas que non dispoñan de reserva e que se acheguen ata o Auditorio de Galicia no mediodía do domingo.
“Son de contos” é unha idea orixinal de Vicente Couceiro Bueno e enmárcase na temporada 2022/2023 da Banda Municipal de Santiago. É a primeira vez que en Galicia se fai unha audición deste tipo cunha banda de música.
As adaptacións das composicións musicais levounas a cabo Casiano Mouriño, ex director da Banda de Música de Santiago de Compostela, que o próximo domingo volverá coller a batuta para dirixila, nun espectáculo “Son de Contos”, que ten como obxectivo pór en valor a narrativa oral de temática infantil de distintos escritores galegos.
As persoas que asistan a “Son de contos” poderán ver un espectáculo dividido en tres partes. A primeira, o conto de Manuel Lourenzo “A galiña, o lagarto e o burro’, con partitura do compositor pontevedrés Fernando Ruibal. A segunda peza, “Un cesto cheo de misterios”, baseada nunha narración da académica e Premio Nacional de Literatura Fina Casalderrey, musicouna o pianista lituano Julius Andrejevas, falecido en 2016, e que viviu dez anos en Vigo. O último conto, que pechará o espectáculo, é ‘Os xigantes de nunca acabar’, escrito por Xoán Babarro e Ana María Fernández, ao que lle pon música Carlos M. Cambeiro.
