Compostela, 25 de setembro do 2024 – Este pasado luns o concello de Santiago de Compostela lanzou dúas liñas de axudas para a rehabilitación de vivenda en zonas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
A estas axudas destinaranse máis de catro millóns de euros financiados polos fondos da Unión Europea NextGenerationEU. Trátase de 2.186.400 euros para a rehabilitación da vivenda construída no século XX nos barrios de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre e 2.083.200 euros para actuacións nos edificios da cidade histórica.
O proxecto foi presentado a pasada semana polo concelleiro de Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, quen destacou o obxectivo de aproveitar o parque inmobiliario existente para unha cidade compacta.
En liña co propósito municipal, estas axudas supoñen unha gran oportunidade para mellorar a habitabilidade de moitos fogares. “En Santiago hai algo menos de 57.000 vivendas, un patrimonio que é moi significativo e que consideramos que é moi importante recuperalo, rehabilitalo e utilizalo, co obxectivo de cubrir as necesidades habitacionais que existen”, detallou o concelleiro.
As axudas están dirixidas aos propietarios ou usufrutuarios de vivendas unifamiliares ou agrupadas, a comunidades de propietarios, sociedades cooperativas, empresas arrendatarias ou concesionarias dos edificios e agrupacións de propietarios.
Entre os requisitos básicos para solicitar as axudas, ademais de que a vivenda se atope no ámbito declarado, no caso dos edificios plurifamiliares, “probablemente a maior parte dos casos en Santiago” segundo o edil, deben contar co 50% de superficie construída sobre rasante con uso residencial agás o baixo, ter o acordo da comunidade e dispoñer das correspondentes autorizacións administrativas.
Iago Lestegás explicou que “estas axudas priorizan a mellora da eficiencia enerxética” polo que as actuacións realizadas debe acadar unha “redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30% e tamén unha redución da demanda enerxética anual global de climatización do 25% en zona climática C e do 35% en zona climática D”.
O comezo da execución material fíxase a partir do 1 de febreiro de 2020, “polo que se poden subvencionar actuacións que xa estean feitas”, sempre que se presente constancia da execución, así como o título habilitante municipal e proxecto ou memoria técnica, tamén no caso de aquelas que aínda non se levaron a cabo.
A contía e porcentaxe máxima da axuda por vivenda e por superficie “dependerá da cantidade de aforro enerxético que se consiga coa actuación, con tres rangos”. Ademais estas axudas son compatibles con outras co mesmo obxecto, sempre e cando non se supere a contía total da actuación.
Estas contías máximas aumentan en casos de vulnerabilidade económica: “se os ingresos ponderados son menores ou iguais a 2,1 veces o IPREM, o indicador que se usa como referencia, as porcentaxes máximas de subvención chegan ao 100% e as contías máximas tamén aumentan considerablemente”.
No caso de que os ingresos ponderados sexan menores ou iguais a 2,6 veces o IPREM, tamén aumentan as contías máximas respecto as cantidades estándar, pero non chegan ao 100%, deu conta o concelleiro.
Ao respecto dos criterios de concorrencia competitiva, terase en conta aquelas actuacións que acaden o maior porcentaxe de redución do consumo de enerxía primaria non renovable, e de redución da demanda enerxética anual global de climatización e a data de presentación da solicitude de título habilitante, por este orde.
As axudas serán asignadas ata esgotar o orzamento dispoñible e o prazo de solicitude será de 3 meses desde a publicación no BOP. Ademais, a finalización e xustificación das actuacións terá que facerse antes do 30 de xuño de 2026.