O investigador Ismael Yrigoy dará unha charla este luns, ás sete e media da tarde, sobre a problemática da vivenda e da desigualdade social no século XXI.

Un luns máis o Ateneo expón unha interesante charla sobre un dos temas de máis actualidade: a vivenda e a desigualdade social. O investigador Ismael Yrigoy falará, coma sempre na Rúa do Vilar, 19 a partir das sete e media da tarde, da “Accesibilidade á vivenda e desigualdade social no século XXI”.
Yrigoy é investigador Ramón y Cajal da Universidade de Santiago de Compostela e especialista no impacto do mercado inmobiliario na configuración das cidades e na distribución social do territorio.

A intervención ofrecerá unha análise crítica das dificultades crecentes para acceder a unha vivenda digna en contextos urbanos, abordando a evolución do modelo de rendismo inmobiliario trala crise de 2008 e as novas dinámicas que marcan o acceso á vivenda no marco da globalización financeira.
A partir de casos concretos do Estado español e doutras cidades europeas, Yrigoy exporá os efectos sociais da especulación e a turistificación, así como os retos actuais para as políticas públicas en materia de vivenda.
Ismael Yrigoy Cadena é Doutor en Xeografía pola Universidade das Illas Baleares e desenvolveu parte da súa traxectoria investigadora en universidades internacionais como Uppsala, Lund ou Sciences Po. A súa investigación combina xeografía urbana, economía política e estudos sobre turismo, con numerosas publicacións en revistas de alto impacto como Antipode, Urban Studies ou Environment and Planning A. Na actualidade, forma parte do Departamento de Xeografía da USC e imparte docencia nas áreas de xeografía económica, urbana e turística.