Os Luns do Ateneo ofrecen hoxe unha conferencia sobre o ditador Franco a cargo de Julián Casanova

Hoxe ás 19.30 horas o Ateneo de Santiago acollerá, na súa sede da Rúa do Vilar, 19, unha nova cita do seu programa de conferencias “Os Luns do Ateneo”. O protagonista, ademais do conferenciante será a polémica, e as veces moi descoñecida, figura do ditador Francisco Franco.
A charla sibre Franco estará a cargo de Julián Casanova, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Zaragoza, quen será presentado polo tamén catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto.
Nesta intervención, Casanova abordará a figura do ditador Francisco Franco dende unha perspectiva histórica e crítica, analizando tanto o contexto da súa chegada ao poder como a natureza política e social do réxime que instaurou.
A conferencia procurará ofrecer unha lectura renovada e documentada sobre o franquismo, integrándoo na historia europea das ditaduras do século XX e nas dinámicas de violencia e represión que o caracterizaron.
Julián Casanova é un dos historiadores máis recoñecidos da súa xeración. Catedrático da Universidade de Zaragoza e profesor visitante na Central European University de Budapest, é autor de obras fundamentais como La Iglesia de Franco, España partida en dos, Una violencia indómita; El siglo XX europeo ou Historia de España en el siglo XX. Membro do Institute for Advanced Study de Princeton e colaborador habitual de El País, ten sido profesor visitante en universidades de Europa, Estados Unidos e América Latina, e é un referente internacional na investigación sobre a Guerra Civil, o franquismo e a historia social contemporánea.

