Compostela, 22 de xullo do 2022 – Nove asociacións de veciños de distintos puntos de Santiago veñen de emitir un comunicado pedindo a regulación das vivendas de uso turístico.
O comunicado parte de asociacións situadas en lugares tan dispares como Vistalegre, o Ensanche, Conxo ou o mesmo Casco Histórico. Explican que a falta de norma para as vivendas de uso turístico ocasiona un impacto negativo na convivencia veciñal.

As asociacións ven tamén con preocupación o incremento de prezos no aluguer de vivenda. Consideran que o aumento de prezos sumado á baixada de oferta provoca a marcha de posibles veciños, ou estudantes, fora da cidade.
Engaden que é volver a unha situación de hai décadas na que “a xente nova ou con menos recursos ten que emigrar cara outros concellos limítrofes na busca de vivenda. Este é un enorme prexuízo a Compostela, ao seu futuro e á súa identidade histórica como cidade estudantil”.
Estas asociacións mostran tamén o seu apoio á Plataforma PREVITUGA e ás medidas tomadas polo Concello de Santiago de Compostela no proceso de regulación municipal das vivendas de uso turístico e animan á veciñanza a facer unha reflexión colectiva sobre o odelo de cidade.
Asinan este comunicado as s Asociacións Veciñais de Santiago de Carballal; AV Plataforma de Galeras; AV A Xuntanza do Barrio de San Pedro; AV Vedesma de Santa Marta/Choupana; AV Álvaro Cunqueiro de Vista Alegre; AV Fonseca da Cidade Histórica; Colectivo Barrio Xardín da Zona Nova; AV Conxo Aberto; AV As Marías de Basquiños/Rúa de Abaixo e AV Raigame da Zona Nova.