Compostela, 1 de xullo do 2020 – O chamado Acordo da Sionlla, asinado no día de onte, coloca a Compostela no camiño de converterse nun referente no sector da biotecnoloxía.
Co Acordo da Sionlla Compostela unifica a todas as administracións no obxectivo común de promover o asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento nos sectores biotecnolóxico e da madeira no parque industrial que lle da nome ao documento.
Mostra de esta unidade foi a Mesa Institucional reunida no Centro Empresarial do Tambre. En ela participaron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo García; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés.
Como resultado da análise e debate dos traballos de xestión realizados previamente, a Mesa acordou unha serie de compromisos futuros para continuar dándolle forma aos proxectos do “Acordo da Sionlla”. Impulsarán e apoiarán política e institucionalmente a creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía como punto focal da biotecnoloxía galega e como un instrumento que agrupará a todos os axentes –centros de investigación e innovación, empresas, persoas emprendedoras, investidores, Administración pública, etc. nunha contorna que favoreza o desenvolvemento de novos negocios e a atracción de talento altamente cualificado.
Outro dos empeños da Mesa en relación ao Polo de Innovación en Biotecnoloxía será darlle visibilidade a nivel autonómico, nacional e internacional “para facer de Santiago e Galicia un referente no sector”, así como manter os incentivos que faciliten o acceso a solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo.
En canto a medidas tanxibles, a Mesa estudará e artellará incentivos que supoñan un solo empresarial bonificado ou en dereito de superficie para empresas que queiran desenvolver a súa actividade no Polo. Nesta liña, posibilitará a concesión de bonificacións e exencións fiscais que faciliten a localización de empresas e persoas emprendedoras, e que se enmarcarían na habilitación do Concello de Santiago como “Concello Doing Business Galicia – Concello Emprendedor”. Igualmente, valorarase a posibilidade de simplificar os trámites administrativos que axilicen os procesos de localización de novas empresas e a concesión de axudas específicas para a implantación de empresas biotecnolóxicas, incluíndo aquelas destinadas á captación de talento e a súa contratación nas entidades e compañías localizadas no Polo.
Outra das liñas de traballo da Mesa é favorecer a creación dunha estrutura comercial que posibilite a atracción de investidores e empresas biotecnolóxicas, que exerza de portelo único para a promoción, prospección e acompañamento de novos proxectos empresarias. Tamén considérase necesario mellorar a conectividade, infraestruturas e loxística para o correcto desenvolvemento da actividade empresarial.
Traballo público e privado
O “Acordo da Sionlla” naceu en xaneiro de 2017 coa sinatura dun primeiro compromiso para favorecer o diálogo e a colaboración institucional en aras do desenvolvemento económico e social da cidade. Está integrado por dúas estruturas de xestión e representación: a Mesa Institucional e a Mesa de Traballo Executiva. O “Acordo da Sionlla” concretou durante estes tres anos a posta en marcha do ambicioso proxecto do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, co apoio de entidades como o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA).
Para dar forma ao Polo de Innovación en Biotecnoloxía, deseñouse a idea do proxecto baseado na colaboración público-privada, déuselle visibilidade a través dos clústeres, centros de investigación e innovación e das diversas Administracións Públicas, que interiorizaron o concepto. Pero para acadar consistencia, os asinantes do “Acordo da Sionlla” lograron o “apoio decidido” de diversos investidores e empresas biotecnolóxicas ata o punto de involucrarse no proxecto.
A localización do Polo de Innovación en Biotecnoloxía no Parque Empresarial da Sionlla foi un aspecto fundamental dende o inicio, pola proximidade a centros de coñecemento e ás principais entidades públicas e privadas que lideran a biotecnoloxía en Galicia. A colaboración da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que cualificou como “non dispoñibles para a venda” 63.798 metros cadraos, e a próxima cesión dunha parcela municipal no mesmo terreo, a través de UNINOVA, constitúen a base do Polo.
