Compostela, 25 de novembro do 2024 – O concello de Santiago conseguiu aprobar, nun pleno extraordinario, a Conta Xeral do ano 2023 que agora será remitida ao Consello de Contas.
O concelleiro de Facenda, Manuel César, avanzou que o pago medio a provedores en outubro baixou a 65 días e a débeda reduciuse a 9,5 millóns. Ademais, a xestión ordinaria, e as operación financeiras e non financeiras pasaron de resultados negativos no 2022 a positivos. Todos os grupos votaron a favor exceptuando ao Partido Popular que se abstivo.
A conta xeral recolle, segundo Manuel César, un incremento patrimonial total de case 16 millóns de euros (15.945.961,10 euros) e de máis de 10 millóns en patrimonio líquido, “froito do resultado do exercicio que pasa da cifra negativa de 2022 de case 4,3 millóns de euros a un lucro en 2023 de case 3 millóns (2.951.485,99 euros)”.
O concelleiro tamén destacou que o pasivo non corrente ou débedas que ten o Concello redúcese en máis de 1,5 millóns, aumentando o corrente en 7,3 millóns de euros, “aínda que de calquera maneira os dereitos de curto prazo superan en máis 24,46 millóns as obrigacións de curto prazo, aumentando o fondo de manobra a respecto do ano anterior, en máis de 2,2 millóns de euros”, detallou.
Manuel César salientou que a maioría das partidas da Conta Xeral que remataron 2022 con saldo negativo, pasan a positivo no 2023 “froito dunha mellora na xestión municipal” o que se traduciu nun incremento na prestación de varios servizos prestados á cidadanía como son vivenda, servizos municipais básicos de limpeza e alumeado, fomento do emprego, saúde pública, educación e deporte.
Tamén aumentaron as partidas destinadas ao turismo, ao desenvolvemento empresarial, mantemento e reparación dos camiños veciñais, seguranza e orde pública, protección civil e ordenación do tráfico e estacionamento. A nivel interno, tamén se incrementou as partidas dedicadas á sociedade da información e da cidadanía co obxectivo de mellorar o acceso da cidadanía aos servizos municipais.
Melloras na xestión
Froito das medidas postas en marcha, o concelleiro de Facenda avanzou que o pago medio a provedores en outubro baixou a 65 días e a débeda reduciuse a 9,5 millóns. “Somos conscientes das deficiencias que existen neste Concello, pero para nada podemos considerar que estamos de brazos cruzados porque son moitas as medidas que se tomaron”.
Segundo Goretti Sanmartín, “somos moi conscientes desde este Goberno que hai eivas na xestión, que son problemas estruturais complexos de hai moito tempo” e destacou algunhas medidas tomadas nos últimos meses como a mellora do inventario a través dunha reforma estrutural coa que Patrimonio pasa a depender de Secretaría, os labores de continuidade no proceso de optimización das ferramentas informáticas para aumentar a axilidade nos procedementos ou a creación de unidades especializadas da xestión e seguimento do pagamento das facturas.
Outros temas
Nesta sesión plenaria de carácter extraordinario tamén se aprobaron un expediente de suplemento de crédito para facer fronte ao incremento de do canon de SOGAMA polo tratamento de residuos urbanos , por importe de 901.884,89 euros, e outro expediente de crédito extraordinario por importe de 236.394,42 € e de suplemento de crédito de 45.297,98 € para atender o reintegro voluntario dunha parte do 1º libramento do MICIU ao proxecto SMARTIAGO e xuros de mora, financiado cunha parte do saldo do RLTGX 2023.