O alleamento de estas parcelas permitirá a construción de vivenda protexida e a rehabilitación de vivenda no casco histórico para aluguer

Compostela segue na procura de fórmulas que incrementen o parque de vivenda protexida e tras iniciar o proceso de poxa de soares en ruínas agora allea catro parcelas. Ao igual que no caso dos soares, as condicións para as empresas son moi claras e tanto para venda como para aluguer serán vivendas protexidas.
A Xunta de Goberno de este luns aprobou o alleamento de estas catro parcelas situadas no entorno das Cancelas, A Muíña e dúas máis en Tras Paxonal. Farase por concurso con procedemento aberto e todos os terreos eran, como é lóxico, de propiedade municipal.
A primeira tenente de alcalde de Compostela, Miriam Louzao, indicou que este alleamento “permitirá materializar o destino de vivenda protexida que teñen estas parcelas de acordo co planeamento urbanístico e por tanto incrementar a curto prazo a oferta de vivenda a prezos accesibles no noso municipio, onde o mercado residencial experimentou un encarecemento moi significativo na última década, e ao mesmo tempo permitirá rematar pezas urbanas que permanecen incompletas anos despois do seu desenvolvemento”.
O número total de vivendas estímase en torno a 152 e os pregos que rexen a transmisión dos bens aseguran o seu destino para uso de vivenda protexida e o cumprimento dos prazos de urbanización e edificación, lembrou a concelleira. As adxudicatarias das parcelas deberán destinar as vivendas que constrúan a persoas que cumpran os requisitos establecidos na normativa para vivendas protexidas e deberán respectar os prezos máximos de venda ou alugueiro.
Dado que o solo está cualificado para vivenda protexida, sinalou a voceira, “as ulteriores transmisións das vivendas non poderán superar os prezos máximos fixados legalmente para as vivendas protexidas (coas actualizacións que permita a normativa)”. Ademais, consignarase o dereito de tenteo e retracto a favor do Concello e da Administración autonómica.
A valoración das parcelas foi realizada por un arquitecto municipal, de acordo coa lexislación, considerando que o seu alleamento non se pode producir por un prezo inferior ao do seu aproveitamento urbanístico. Trátase dun contrato privado de natureza patrimonial que se rexe, polo tanto, pola lexislación patrimonial e está excluído do ámbito de aplicación da Lei de contratos agás en cuestións relativas ao procedemento do concurso.
Unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia as persoas ou entidades interesadas terán un prazo de 45 días naturais para presentaren as súas ofertas. Durante este mesmo prazo tamén se poderán presentar alegacións ao expediente. Louzao fixo fincapé na incorporación de criterios de eficiencia enerxética na valoración das ofertas, co que se busca “promover a utilización de solucións construtivas que reduzan o impacto da construción tanto na fase de execución como na fase de utilización dos edificios. O certificado Passivhaus é un estándar internacional de construción que garante un consumo enerxético case nulo dos edificios”.
Se o concurso, indicou Louzao, que seguidamente tramitará o Servizo de Contratación a través da plataforma de contratos do Estado, quedase deserto, poderán allearse directamente dentro do prazo máximo dun ano nas mesmas condicións da convocatoria.
As parcelas incluídas no concurso son as seguintes:
PARCELA PR-4 DO SUNP-4 DAS CANCELAS
Integrante do proxecto de compensación do SUNP-4 do Camiño Francés e situada na rúa de Vicente Risco
Superficie: 1.290,67 m2
Edificabilidade: 2.104,66 m2 (estímanse 18 vivendas)
Valoración: 1.163.760,15 € (+ IVE 244.389,63 = 1.408.149,78 €)
PARCELA UR5 DO SUNP-5 DA MUÍÑA
Integrante do proxecto de expropiación do SUNP 5 da Muíña e situada na rúa da S.D. Compostela.
Superficie: 3.630 m2
Edificabilidade: 7.257 m2 (máximo de 62 vivendas)
Valoración: 2.963.506,39 € (+ IVE 622.336,34 = 3.585.842,73 €)
PARCELA ER1 DO SUNP-14 DO TRAS PAXONAL
Integrante do proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta do SUNP-14 TRAS PAXONAL, situada na rúa de Agustín Sixto Seco
Superficie: 1.250 m2
Edificabilidade: 4.377 m2 (máximo 33 vivendas)
Valoración: 745.502,82 € (+ IVE 156.555,59 € = 902.058,41 €)
PARCELA ER7 DO SUNP-14 DO TRAS PAXONAL
Integrante do proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta do SUNP-14 TRAS PAXONAL, situada na rúa de Agustín Sixto Seco
Superficie: 1.280 m2
Edificabilidade: 4.582 m2 (máximo 39 vivendas)
Valoración: 1.278.323,90 € (+ IVE 268.448,02 = 1.546.771,92 €)
Míriam Louzao tamén anunciou que “a maior parte dos ingresos previstos polo alleamento destas parcelas destinaranse á adquisición e rehabilitación de edificios para uso de vivenda pública. Desta forma conseguiremos que non haxa só vivenda protexida na periferia da cidade, senón que tamén a haxa no centro, e que non se promova só a través da obra nova, senón tamén a través da rehabilitación”. A concelleira lembrou a este respecto que “o patrimonio municipal do solo é un patrimonio separado e o seu destino, e por tanto tamén o destino dos ingresos obtidos a través do alleamento dos bens que o integran, está regulado no artigo 134.1 da Lei do solo de Galicia”.
