Bisbarra, 8 de xaneiro do 2025 – A senda que constrúe a Xunta de Galicia desde o Milladoiro a Compostela atopou unha pedra no camiño chamada Bosque de Conxo.

O concello de Santiago ven de presentar unha serie de alegacións ao novo trazado da senda. O goberno de Compostela cuestiona os criterios de avaliación da Xunta. Unhas a alegacións que choven sobre mollado porque a ruta xa foi modificada no mes de novembro na procura “dun maior consenso” que polo visto non se conseguiu.
O concello de Santiago pide de xeito detallado afastar a senda do Bosque de Conxo e de elementos patrimoniais como as pontes de Suarribas e Pereda ou o túnel da antiga liña do ferrocarril. Trátase de evitar a afectación pero tamán afastarse do río Sar e de posibles inundacións.

Por outra banda a proposta municipal é que a senda se integre moito máis no tecido urbano de xeito que complemente o que se está a facer en canto a carrís bici na cidade. En particular fálase do que xa existe en Clara Campoamor, ao carón da Estación Intermodal, e nas alegacións explícase a incongruencia de duplicar un elemento como este. O certo é que si un pasa por alí a senda xa está moi avanzada e o carril bici pasa a menos de 10 metros dela.
En este punto é onde o trazado resulta máis complexo xa que a previsión é que pase baixo a rotonda do Restollal pero ao igual que sucede coa rúa Clara Campoamor, que xa ten un carril bici. nas alegacións o concello pide “non introducir unha nova senda no parque Eugenio Granell” e lembra que “este parque conta con sendas peonís e diversos percorridos e ten un sistema viario de borde capaz de integrar sen problema unha senda ciclista”.
Finalmente, o Concello manifesta que as obras que impliquen remocións de terras na contorna máis inmediata ao ámbito dos terreos do mosteiro medieval de Conxo e a apertura de ocos en dous muros vencellados a el, situados na Rúa Nogueira de Conxo e Rúa de Ramón Baltar, deben “estar sometidas a control arqueolóxico”, igual que as obras na antiga liña de ferrocarril e na contorna dos elementos catalogados.
Plan de protección
Nunha rolda de prensa o concelleiro de urbanismo, Iago Lestegas, destacou que “a senda proxectada pola Xunta é unha actuación desconforme co planeamento urbanístico municipal que non está suxeita a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal”.
Tamén identificou as afeccións a dous bens de titularidade municipal que figuran no anexo de expropiacións malia seren bens de dominio público e por tanto “inalienables, imprescriptibles e inembargables” non susceptibles de expropiación.
Trazado incompatible co proxecto “Ecobosque”
Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, incidiu en que “o trazado alternativo proposto pola Xunta non soluciona un dos aspectos máis cuestionados do itinerario orixinal e segue colisionando co proxecto do Ecobosque que desenvolve o departamento de Emprego”.
María Rozas lembrou que as dilixencias penais abertas contra a Xunta polas obras da senda “baséanse, precisamente, en que a actuación lle afecta ao mesmo ámbito no que se pretende a recuperación ambiental do ecosistema fluvial do río Sar, sendo proxectos incompatibles financiados ambos con fondos europeos” e nese sentido lamentou que o Goberno galego “non aproveitara a presentación dun trazo alternativo para solucionar esta incoherencia”.
Mentres a discusión se dirime no administrativo e no xudicial a senda segue en construción como se pode ver tanto no Milladoiro como nas Brañas do Sar ou en Fontiñas. Da a sensación de que se rematará antes de que se solucionen as alegacións, veremos o que sucede nos próximos meses.